O pasado mércores, día 23 de xullo, o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Francisco Martínez Gude, asistiu á entrega dos premios da Campaña Días Azuis do Comercio Galego, que se celebraron na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. O presidente fixo entrega dun galardón de 150€ á premiada de Ribeira Iria Gómez Bellas, quen conseguiu este obsequio facendo unha compra no establecemento ribeirense Os Nenos.

Na foto están presentes, de esquerda a dereita, José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio, Francisco Martínez Gude, presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Elena Candia, vicepresidenta do Parlamento galego, Gabriel Alén, director xeral de Comercio, Iria Gómez Bellas, premiada con 150€, Miguel Agromayor, presidente da Federación Provincial de Comercio da Coruña, e Belén Docampo, delegada territorial da Xunta na Coruña.
A 12ª entrega dos ditos premios repartiu 20.000 euros en premios. Trátase dunha iniciativa de dinamización do sector que se desenvolveu entre o 10 e o 30 de xuño. En total, a última edición desta campaña rexistrou máis de 120.600 tíckets, pertencentes a compras realizadas en arredor de 160 localidades galegas, contribuíndo así a incrementar as vendas e a animar aos consumidores a apostar polo comercio de proximidade galego.
Os premios entregados foron en total 44 tarxetas por valor de 250 euros e 60 de 150 euros para mercar nos comercios minoristas galegos atendendo ao que establecen as bases desta campaña. Estes recoñecementos recaeron, no caso da provincia da Coruña, en clientes das localidades da Coruña, Santiago, Arzúa, Ribeira, As Pontes, Noia, Melide, Betanzos, Negreira, A Pobra de Caramiñal, Santa Comba, Arteixo, Ferrol, Sigüeiro, Rianxo e Carballo.



