A Asociación Amicos conta cunha nova ferramenta de traballo pola inserción de persoas con discapacidade, na súa Área de Alianzas con Empresas e Persoas. A entidade inclusiva do Barbanza traballará pola integración laboral de máis dun cento de persoas ao ano, no marco do proxecto Ribeira Inserta2.
O equipo de traballo, nun principio formado por dúas persoas, realizará distintas accións para traballar polo dito obxectivo. A través deste proxecto, ofrecerase aos usuarios e usuarias orientación laboral e formativa, así como un seguimento personalizado da súa situación para favorecer as súas posibilidades de inserción. Durante este primeiro ano realizaranse diversas accións gratuítas para a mellora da empregabilidade: cursos de conserxe – recepcionista, de atención ao cliente, de auxiliar de transporte e comedor, ou de operadora de carretilla elevadora.
Keltoi Cameán, coordinador da Área Alianzas con Empresas e Persoas, destacou que “trala exitosa primeira edición do programa Inserta2, que Amicos executou do 2017 ao 2023 e que conseguiu que máis de trescentas persoas atoparan un emprego, renovamos o compromiso coa inserción das persoas en vulnerabilidade do Barbanza por outros sete anos”.
Pola súa banda, a técnica do programa, Blanca Bretal, quixo “animar ás persoas en situación de vulnerabilidade a contactarnos e apoiarse neste recurso gratuíto que ofrecemos dende Amicos para atopar un emprego”.

As persoas interesadas en anotarse no programa poden facelo no correo inserta2ribeira@amicos.org ou no telefono 682516278.
A Asociación Amicos executa o programa Ribeira Inserta2 xunto coa iniciativa Mérida Inserta2 en Extremadura. Ambas son iniciativas impulsadas por Amicos dentro do programa +Empleo, co-financiado pola Fundación La Caixa e polo Fondo Social Europeo, no marco do Programa FSE+ de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a pobreza para o período 2021-2027.



