O solpor unirá a Fisterra coa localidade xaponesa de Nachikatsuura este 23 de xullo

13 Xullo 2024

Grazas a unha iniciativa apoiada pola Deputación da Coruña e coordinada por Jorge Mira (USC), o solpor unirá a Fisterra coa localidade xaponesa de Nachikatsuura o vindeiro 23 de xullo. Na dita xornada o sol porase no extremo oeste da Costa da Morte aproximadamente ás 22:00h, xusto no mesmo momento no que sairá en Nachikatsuura, no que serán xa ás 05:00h xa do día 24 en Xapón. Esta coincidencia, que so se produce 2 días ao ano, é “o motivo de unión entre ambos territorios, que contemplarán ao mesmo tempo o solpor fisterrán e o amencer nipón, mediante videoconferencia, nun evento que se celebrará de xeito simultáneo nos dous lados do mundo“, explicou a entidade provincial coruñesa, engadindo que o Semáforo de Fisterra será o escenario no que se poderá visualizar esta dobre estampa, nunha pantalla partida que amosará nun lado o sol saíndo polo Océano Pacífico e, no outro, o mesmo sol afundíndose no Atlántico, nun acto que contará con intervencións de representantes de ambos países.

A Deputación da Coruña apoia esta iniciativa, coordinada polo físico e catedrático da USC Jorge Mira, que parte dun estudo seu. O vicepresidente, Xosé Regueira, destaca que “queremos celebrar este vínculo que une dous territorios a máis de 10.000 km de distancia”. Unha unión “que vai máis aló”, apunta Regueira, “xa que compartimos moito máis que eses dous días nos que coinciden o solpor e o amencer: orgullo da nosa autenticidade como territorio, unha identidade que representa a nosa razón de ser e un respecto absoluto pola contorna”. Cuestións “que defendemos dende a Deputación como fitos irrenunciables e transversais, e que definen as nosas estratexias turísticas”.

Ademais, ambas localidades comparten a súa condición de seren extremos de dúas rutas de peregrinación declaradas como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: o Kumano Kodo – Camiño de Kumano – e o Camiño de Santiago de Compostela.

Deste xeito, o vindeiro 23 de xullo en Fisterra celebrarase ” a unión entre Fisterra e Nachikatsuura, Galiza e Xapón”, nun evento institucional no que se poderá visualizar nunha mesma pantalla, de xeito simultáneo, o sol nacente xaponés e o mesmo sol desaparecendo en Europa.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.