A edición 2024 do evento de exaltación mariñeira Azul de Portosín, celebrada a semana pasada da man da Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín, incluíu entre outras moitas actividades a inauguración dunha mostra de fotografías de Lorena do Merlo, artista de Boqueixón afincada en Aguieira que reflicte a actividade da xente do mar de Portosín, a exposición aMar, que se acompañou dun documental complementario.

Esta mostra, que se pode ver na Casa da Cultura local, recolle a vida dos homes e mulleres de Portosín, e é unha homenaxe ao seu esforzo e á súa adicación, e tamén á súa humanidade, fraternidade e sentido do humor.
O GALP Costa Sostible participou nesta actividade coa súa axuda a este proxecto da Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín.
A inauguración da mostra fotográfica e a proxección do documental celebráronse o pasado venres 5 de xullo no marco da iniciativa Azul de Portosín.

Este proxecto, financiado cunha achega autonómica a través dos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP), ten como obxectivo “visibilizar o traballo dos profesionais do mar e a identidade mariñeira da vila ao redor da pesca do cerco así como difundir a dita marca Azul de Portosín”. Na cita participaron a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, e o alcalde Luis Oujo, entre outras personalidades.
A mostra consta de 38 imaxes, tanto en branco e negro como en cor, realizadas cunha cámara Canon Mark IV e unha Canon R6, que recollen con diferentes ópticas o mundo da pesca e o lado humano que hai detrás dos profesionais que protagonizan a actividade pesqueira do municipio. Ademais, conta coa proxección dun documental que aborda os naufraxios dos cerqueiros Divina del Mar e Sempre Güeto acontecido no ano 2021.




