A segunda xornada da 2ª Feira Náutica do Freixo (Outes), celebrada o sábado 28 de xuño, abriuse cunha dobre actividade ás 10 h. Por unha banda celebrouse en augas do peirao do Freixo unha exhibición de navegación de embarcacións tradicionais da man de Culturmar e Terra de Outes. Á mesma hora saía do Centro Náutico o roteiro Carpinteiros cos pés mollados e realizábase unha visita ao estaleiro Hermanos Abeijón S.L., durante a que os asistentes puideron gozar da botadura dunha dorna rehabilitada pola Asociación Cultural Terra de Outes. Ás 11 h producíase a apertura oficial da xornada, abríndose ao públicos os espazos expositivos das empresas e o mercado mariñeiro, e desenvolvíase unha ruta en caiac por augas da ría de Muros Noia, a primeira das dúas programadas na Feira.

Ás 12:30 h nas instalacións do Centro Náutico celebrouse a mesa redonda baixo o título Estaleiros sostíbeis, cara o futuro dende a tradición, na que dende diversas perspectivas foi abordado o uso do monte e o emprego da madeira coma materia primixenia para
afrontar os riscos no coidado e limpeza do medio mariño dende a óptica da construción naval.
Tamén pola mañá, celebrouse a primeira saída do balandro Joaquín Vieta, na que as persoas inscritas na mesma puideron gozar dun percorrido pola ría de Muros Noia a bordo desta histórica embarcación.

Ás 13:30 h comezou a primeira sesión musical, a cargo de Troula na Barquiña e os seus cantos de taberna que fixeron gozar aos asistentes.
A primeira actividade celebrada pola tarde foi o roteiro Orixes do Freixo, andaina na que as persoas inscritas percorreron algúns dos puntos máis simbólicos e históricos da parroquia de San Xoán de Sabardes, e coñeceron algo máis da evolución histórica do Freixo.

Antes do comezo dos concertos, celebrábase a segunda saída do balandro Joaquín Vieta ao tempo que tiña lugar a segunda exhibición de embarcacións tradicionais da xornada.
Para rematar a xornada, unha vez pechados os stands e mercado mariñeiro, as persoas asistentes gozaron de diversas actuacións ata xa ben entrada a noite. Quico Cadaval e os seus monólogos, Catuxa Salom coa fusión de ritmos tribais latinoamericanos con música en galego, Monolious DOP cos seus ritmos pegadizos e retranca galega poñían a diversión musical nesta primeira xornada, que pechaba Reich DJ cunha sesión na que fixo desfrutar ao auditorio.
A Feira Náutica do Freixo está organizada polo Concello de Outes, co patrocinio do Galp Costa Sostible e a Consellería do Mar, e o apoio de Portos de Galicia.




