
A sección terceira da Audiencia Provincial de Pontevedra acolleu parcialmente a demanda formulada por Laureano Oubiña sobre vulneración do dereito á honra fronte a Atresmedia, Bambú Producciones e Netflix International pola serie Fariña. Desta forma, acolleu parte do recurso de apelación formulado contra a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Vilagarcía de Arousa e declarou que as entidades codemandadas vulneraron o dereito á intimidade persoal de Laureano Oubiña unicamente na escena de contido sexual coa súa falecida segunda esposa contida ao comezo do primeiro capítulo, pois entende que non está xustificada “pola liberdade creativa innegable dos creadores e produtores da serie”. O tribunal, polo tanto, condenou ás codemandadas a cesar na devandita intromisión, retirando da serie “a escena de sexo explícito referida, suprimindo tales concretas imaxes e escena en todas as plataformas de Antena 3 e da súa web, desde a firmeza desta resolución e no futuro”. Ademais, impúxolles o pagamento dunha indemnización conxunta ao demandante, que reclamaba 1,5 millóns, de 15.000 euros.
A Audiencia Provincial salienta que, neste caso, a vulneración do dereito á intimidade non alcanza ao de imaxe, “situándose o reproche unicamente no acceso non consentido, nin exposto, nin sometido ao xeral escrutinio, dunha faceta moi concreta daquel, a privacidade da súa vida familiar íntima”. Desta forma, indica que a doutrina advirte de que, aínda que estamos “ante un personaxe de proxección pública”, non se pode descoñecer que o dereito á intimidade “non se dilúe totalmente” porque, “máis aló do seu ámbito público e esfera aberta ao escrutinio xeral, nos atopamos na súa parte persoal e íntima, na medida en que non a abriu ao coñecemento xeral, do que se segue que ese ámbito reservado si goza de protección conforme ao dereito á intimidade”.
Na sentenza, os maxistrados recalcan que, en canto ás escenas obxectadas -contidas nos capítulos 1º, 2º e 8º- nas que se plasman encontros de natureza sexual, consideran que unicamente na primeira -ao comezo do primeiro capítulo- se advirte “unha innecesaria intromisión e lesión na intimidade de Laureano Oubiña, ao plasmar un ámbito familiar, a súa relación de parella, reservado e non exposto sobre o que o seu personaxe público non se proxectaba e no que a ficción e trama da obra, no seu aspecto creativo, non precisaba entrar”.
O dereito fundamental á intimidade persoal, segundo a resolución, “outorga ao seu titular cando menos unha facultade negativa ou de exclusión, que impón a terceiros o deber de abstención de intromisións, salvo que se funden nunha previsión legal que teña xustificación constitucional e que sexa proporcionada; ou que exista un consentimento eficaz do afectado que o autorice, pois corresponde a cada persoa acoutar o ámbito de intimidade persoal que reserva ao coñecemento alleo”. Neste ámbito, os xuíces indican que o demandante “nada autorizou”, á vez que sinalan que consideran que a súa faceta pública non alcanza a esa privacidade porque “non a expuxo”. Por tanto, conclúen que a súa condición de personaxe público “non necesariamente habilita o acceso á súa vida privada, de parella e doméstica, sen que, doutra banda, poida chegarse a considerar que esa escenografía responda á trama argumental que se explica de ruptura sorpresiva da súa tranquilidade, sequera cara a potenciar e destacar a sorpresa, desconcerto e desorientación que lle arroga ese anticipado final”. A Audiencia especifica na resolución que se cingue ao dereito á intimidade de Laureano Oubiña, sen entrar no dos seus fillos nin no da súa falecida segunda esposa porque “non exercitaron acción ningunha nin o actor intervén no seu nome”.
A Audiencia, do mesmo xeito que o xuíz de primeira instancia, rexeitou o resto de solicitudes contidas na demanda interposta por Oubiña relativa á serie Fariña, pois considera que “estamos ante un fío argumental de ficción, que atopa pretextos e apoio en circunstancias reais, aínda posteriores, sen afastarse maiormente, o que permite, dentro da licenza creativa e de ficción respecto dunha realidade, plasmar e escenificar, dentro da liña e trama argumental que se novela, feitos correlacionables e que puideron acaecer, en tanto en canto é sabido e perceptible á vista do relato socialmente percibido e recoñecible, senón histórico, si popular, e da información xornalística documentada, unha coordinación, senón avocación, dos clans dedicados ao contrabando co tráfico de drogas”.
“En todo caso, o que expón a serie, do que parte e pon sobre a mesa do espectador é, con carácter xeral, a consabida problemática do tráfico de drogas e a situación en Galicia no lapso temporal que presenta, mesturando feitos reais con ficción narrativa e creación artística, sen que a repercusión ao señor Oubiña, identificado nela, sexa moi distinta da que el mesmo e as súas condutas lle depararon en relación a ese momento”, destaca a Sala na sentenza, contra a que cabe interpoñer recurso.



