
Non está Arxentina, unha outra vez, en disposición de ratificar a estabilidade necesaria que demandan as empresas galegas que operan naquel país tan sumamente vinculado ao acaecer dunha importante frota que xera máis de 5.000 empregos no país suramericano e cuxa actividade transcende asimesmo a Galicia e, consecuentemente, a España.
Segundo manifestaba recentemente o presidente da Xunta, Alfonso Rueda -que viaxou, como se lembrará, a Arxentina- rematan as “incertezas” e chega a “tranquilidade” que precisan as pesqueiras con capital galego que interveñen directa ou indirectamente no devir arxentino e que o primeiro mandatario do país austral, Javier Milei, formulaba máis nada asumir a presidencia arxentina na Casa Rosada, perfectamente coñecida dende moitos anos atrás polos armadores de buques de pesca de propiedade galega, que serviron de guía a moitos dos seus colegas daquel país sempre cualificado de “irmán”.
A “tranquilidade” para os galegos foi “asegurada” polo propio presidente Milei, quen trasladara ao presidente da Xunta unha mensaxe en tal senso, desbotando as incertezas e garantindo polo tanto o mantemento da “estabilidade que demandan as empresas galegas”.
Estas empresas son coñecedoras desa mensaxe ratificada posteriormente polo subsecretario de Pesca arxentino, Juan Antonio Cazorla, con quen Alfonso Rueda abordou o tema na súa recente viaxe á capital de aquel país, recibindo garantía de seguridade neste senso e a respecto do futuro, aló, das devanditas empresas.
O que non sei é se, após as medidas de tipo legal e económico por Milei decretadas días pasados, uns e outros poderán garantir esa seguridade en materia tan importante como é a pesca en augas arxentinas e por buques de sociedades mixtas. Porque actualmente semella non estar nada claro como van desenvolverse as regras de xogo por exemplo en materia de competencia.
Non haberá trocos?, quen garante a estabilidade nun país que, unha outra vez, semella entrar no vieiro da incertidume económica e social e mesmo da confrontación neste caso co Goberno español?.
Falamos dunha estabilidade sen a que, en Arxentina, ninguén pode garantir eses máis de 5.000 postos de traballo que xera a frota arrastreira -conxeladora galega-. Unha frota cuxo futuro está, sen dúbida, nas mans dun presidente que comeza a sentir de preto a presión cidadá ata o de agora impensada.



