Finalmente o forte vento do nordés que batía este sábado na ría, con rachas de até 35 nós, obrigou ao comité organizador do Club Náutico Arousa Norte (A Pobra do Caramiñal) a suspender a Volta a Ons, edición XVI.

Nunha reunión de patróns celebrada na Mariña da Pobra decidiuse por unanimidade a anulación da proba.
Os partes meteorolóxicos xa presaxiaban unhas condicións extremadamente duras para a XVI edición da Volta a Ons. O forte vento do nordeste, que por momentos alcanzou picos de máis de 35 nós, obrigou á frota para permanecer en porto.
As quince embarcacións que se inscribiron nesta prestixiosa proba puntuábel para a Copa Galicia de Cruceiros procedentes de diversos puntos das rías baixas quedaron sen gozar desta regata que organiza o pobrense Club Náutico Arousa Norte e desenvólvese polo incomparábel marco da Ría de Arousa e o arquipélago das Illas de Ons e Onza.
O comité organizador buscará unha nova data no calendario de regatas da Real Federación Galega de Vela para poder levar a cabo esta regata que conta co patrocinio da Clínica do Dr. Gonzalo López Castro e de Atlantic Dental Institute.



