A Xunta de Galicia está a investir preto de 1,8 millóns de euros nas obras de mellora da rede de saneamento da parroquia de
Queiruga, en Porto do Son. Así o fixo saber este martes 28 de maio a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, nunha visita á parroquia sonense, onde explicou que “o obxectivo é que os traballos beneficien a todo o núcleo de Queiruga e á maior parte do de Tarrío, que agora mesmo carecen de servizo de saneamento”. Tamén anunciou que a previsión é que estean rematados a finais de ano. Vázquez estivo acompañada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e polo alcalde Luis Oujo.

A conselleira detallou que a obra consiste “na dotación dunha Estación de Depuradora de Augas Residuais (EDAR) no lugar da Ponte, a instalación dunha nova rede de colectores de augas residuais de 3.400 metros de tubaxes e a posta en marcha das correspondentes estacións de bombeo e impulsións”. Esa EDAR, engadiu, “terá capacidade para atender a unha poboación equivalente de máis de 1.500 habitantes, o que supón que estea preparada para afrontar posíbeis incrementos futuros – sexan estábeis ou puntuais- da poboación existente nos núcleos desa parroquia”.

Tamén fixo saber que a infraestrutura, co-financiada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, comezará a dar servizo aos veciños a finais de ano e, tralo correspondente período de proba para comprobar o seu correcto funcionamento, serán entregada ao Concello de Porto do Son para a súa xestión.
Ángeles Vázquez salientou que “esta actuación enmárcase na estratexia da Xunta de mellora continua das redes de abastecemento, saneamento e depuración existentes na comunidade co obxectivo de mellorar a calidade das augas galegas no seu conxunto”. Este compromiso, dixo, “reflíctese nos orzamentos do Executivo galego para este ano, no que mobilizará un total de 85 millóns de euros en distintas actuacións de saneamento e depuración de augas -incluíndo a explotación de 27 depuradoras cuxa xestión foi cedida á Xunta polos concellos- e 23 millóns de euros na mellora dos sistemas de abastecemento municipais”.



