
Entre o 19 de agosto e o 29 de setembro do 2024 o Concello de Boiro poñerá en marcha un curso de monitorado de tempo libre adicado á mocidade. O obxetivo principal do curso é fomentar a inserción laboral entre a xente máis nova centrándose en diferentes áreas de emprego.
O curso divídese en dúas fases: a primeira cunha duración de 200 horas, repartidas en 20 xornadas de 10 horas nas que os asistentes e asistentas recibirán a formación máis teórica do curso, e unha segunda parte que consistiría na práctica. Estas realizaranse en 14 días de actividades que dende a organización se definen como intensas. Consisten en campamentos nos que se traballará cunha entidade profesional da educación do tempo libre. O curso contempla as áreas profesionais de técnicas de acampada; educación ambiental; expresión artística; animación á lectura; socorrismo e primeiros auxilios.
Ademáis aborda tamén temas tan importantes como a dinámica de grupos, contextos de intervención no tempo libre ou diversidade e inclusión.
As inscricións xa están abertas ao público e poden facerse tanto de xeito telemático, no teléfono 981 84 84 25, ou de xeito presencial na Casa da Cultura de Boiro. A actividade desenvolverase só no caso de reunir un número mínimo de 20 persoas cos requisitos de ter 18 anos no momento de comezar o curso e ter os estudos mínimos obrigatorios (Antía Pereira).



