A USC traballa para mellorar os solos e a xestión forestal no Barbanza cun proxecto da Fundación Biodiversidad

18 Abril 2024

O grupo de investigación Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostíbel (UXAFORES) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC (Campus de Lugo), traballa a prol da mellora da fertilidade dos solos e da optimización da xestión forestal dos montes veciñais do Barbanza, ao abeiro do proxecto impulsado desde o Laboratorio Ecosocial do Barbanza financiado con dous millóns de euros procedentes de fondos Next Generation EU grazas ao apoio da Fundación Biodiversidad.

O cometido do persoal investigador da UXAFORES implicado neste proxecto céntrase no estudo da fertilidade física, química e biolóxica dos solos, así como na suxestión de posíbeis emendas, e no deseño e implementación de medidas de xestión forestal axeitadas para favorecer a potencial comercialización de créditos de carbono, segundo indicou a coordinadora deste grupo de investigación, a catedrática da USC Esperanza Álvarez.

Para a consecución dos obxectivos propostos, UXAFORES realizará unha mostraxe en diversas parcelas de monte, a fin de coñecer a fertilidade física, química e biolóxica dos solos. Amais, o persoal investigador ensaiará ferramentas de xestión orientadas a previr incendios e buscar aproveitamentos alternativos, tal e como poden se a introdución de gando ou a eliminación de especies como eucaliptos e acacias.

A elaboración de emendas para os solos a partir de residuos agrícolas e forestais e a súa aplicación nos terreos menos fértiles constitúe outra das accións encomendada ao grupo UXAFORES no marco deste proxecto, no que tamén participa o grupo HISTAGRA da USC, ademais doutras entidades públicas e privadas. De feito, alén da USC, a través do CISPAC, e os grupos antes citados, tamén forman parte deste proxecto a Fundación RIA, a Plataforma pola Defensa do Monte, a Universidad Pablo de Olavide, o Concello de Rianxo e a Fundación Montescola.

A mellora da xestión forestal no territorio de referencia deste proxecto, a fin de optimizar a súa sustentabilidade e a rendibilidade por parte dos propietarios, supón outro dos retos dun proxecto que botou a andar este mes coa ambición de contribuír a xerar emprego e oportunidades económicas, conservar a biodiversidade e previr incendios forestais na contorna.

UXAFORES partirá neste caso dos proxectos de Ordenación de Montes (POM) e dos documentos simples de xestión (DSG) existentes para coñecer a situación real das áreas obxecto de estudo. Esta primeira análise técnica servirá para elaborar a curva de crecemento media do monte en volume e tamén para estimar a conversión dos valores obtidos a carbono en biomasa e toneladas de CO2 equivalente. Os resultados das diferentes simulacións desenvolvidas ao longo dos dous anos de duración do proxecto serán logo recompilados nun informe común que permitirá definir proxectos de mellora da xestión forestal.

Alén destas accións apuntadas, o consorcio promotor do proxecto agromado do Laboratorio Ecosocial do Barbanza aspira a xerar novas capacidades a través dun programa de talleres formativos, accións educativas e voluntariado ambiental. Este abano de ferramentas permitirá asemade avaliar as capacidades da xestión comunitaria do territorio, do aproveitamento enerxético colectivo e mesmo constatar as posibilidades en materia de rexeneración de solos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Toda la noche remando…”. José Castro López

“Toda la noche remando…”. José Castro López

Es difícil saber si la derrota de los partidos independentistas catalanes generó en susdirigentes, además de decepción, más frustración que reflexión, pero ese veredicto delas urnas evoca el dicho popular “toda la noche remando para morir en la orilla”.Después de...