
O 25 de abril dará comezo en Noia a nova edición das Festas de San Marcos, unha das celebracións máis agardadas na nosa contorna e que este ano destacan pola súa completa axenda de actividades e, tamén, pola calidade do traballo artístico do debuxante e ilustrador noiés Alfonso Barreiro Fon, responsábel do deseño do cartaz. Haberá actividades lúdicas e culturais, propostas para pequenos e maiores, música tradicional e moderna e, presidindo a axenda, a histórica feira cabalar e de maquinaria agrícola.
A festa comezará o 25 de abril coas dianas e alboradas das 10.00 hora a cargo de Cherumia, coa exposición de maquinaria agrícola na rúa Escultor Ferreiro e na Porta da Vila e co inicio da Feira Cabalar de San Lázaro. Pola noite actuarán As Lens (na rúa do Curro ás 21.00 horas) e París de Noia na Alameda (ás 22.00 horas). O xoves 26 a Banda de Música de Noia ofrecerá un concerto ás 18.00 horas na praza da Constitución e Viravai no Coliseo Noela achegará o espectáculo familiar Paio e poder da música ás 19.00 horas. Pola noite concerto no Tapal de Xisco Feijóo (ás 21.30 horas) e verbena na Alameda (ás 22) a cargo de New York e á medianoite con Discoteca Móvil CDC.
O sábado comezará o día coas dianas e alboradas de Os Salgueiriños e coa animación na rúa (no centro histórico e na Alameda) de A Troula da Barquiña. Ao mediodía haberá inchábeis para a rapazada na rúa do Curro. Pola noite actuarán Flow del Norte e Boomers no Tapal, incluíndo un tributo a Joaquín Sabina. A verbena (na Alameda) virá da man de Metrópolis. Pechará a xornada a Discoteca Móbil Chocolate na Alameda.
O domingo haberá foliada ao mediodía con grupos de música tradicional, troula musical que proseguirá pola tarde, a partir das 17.00 horas. As festas rematarán na rúa do Curro cos Trobeiros da Ponte a partir das 20.00 horas.



