
Esta fin de semana, o sábado 23 e o domingo 24, celébrase na nosa comarca a terceira edición da proba ciclista III Challenge Volta o Barbanza A Orixe, organizada polo Club Ciclista Barbanza co patrocinio (por terceiro ano consecutivo) da Mancomunidade Barbanza Arousa. Desenvolverase en dúas etapas que percorrerán os catro municipios da vertente sur do Barbanza (Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo).
Na proba participan máis de 100 corredores de 20 clubs de toda a xeografía española e tamén portugueses.
A cita deportiva artellarase como dixemos en dúas etapas, a primeira o sábado 23 de marzo con saída e chegada en Boiro e que discorre tamén por Rianxo. A segunda etapa será o domingo día 24 e con saída e chegada na Pobra do Caramiñal e que transcorrerá tamén por Ribeira.
“Estamos ante un evento que da a coñecer a paisaxe e recursos do territorio, atraendo público fóra da época estival, axudándonos así a desestacionalizar a demanda. Realízase nos catro concellos, en dous cada ano, co obxecto de mostrar todo o destino turístico de forma cohesionada e reforzando a identidade corporativa”, manifestou na presentación do evento (este 18 de marzo) Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade.
Pola súa banda, o presidente de Barbanza Arousa e alcalde de Ribeira, Luis Pérez Barral, destacou que esta proba segue a estratexia da Mancomunidade de potenciación turística mediante actividades que poñen en valor a paisaxe, a natureza e a cultura. “Búscase ademais que tanto os participantes coma os seus acompañantes coñezan o territorio, volvan noutros momentos de forma vacacional e sexan prescriptores de Barbanza Arousa entre a familia e amigos”, sinalou, aproveitando tamén a rolda de prensa para convidar a veciños, veciñas e visitantes a achegarse a desfrutar da proba.



