Proseguen en Noia as actividades conmemorativas convocadas con motivo do 8M (Día Internacional da Muller) polo Concello e o CIM local. Así, logo da celebración (o pasado venres) da segunda edición do Encontro de Mulleres Creadoras, que contou (no Edificio do Casino) coa presenza da poeta Yolanda Castaño (galardoada co Premio Nacional de Poesía 2023), que centrou parte da súa intervención en presentar o seu novo libro, Materia; esta semana estase a celebrar un obradoiro de alfabetización e apoderamento dixital, en horario de 10.00 a 12.00 horas no Edificio de Servizos Sociais. O obxectivo é contribuír a reducir a fenda dixital de xénero que afasta ás mulleres do uso pleno das tecnoloxías.
O vindeiro venres 8 a axenda comezará ás 11.30 horas coa lectura do manifesto institucional con motivo do 8M, no salón de plenos do Concello de Noia. Na mesma xornada celebrarase ás 11.45 o roteiro A memoria das mulleres, con saída do Consistorio.
O 9 de marzo está prevista a Andaina pola Igualdade 2024, de oito quilómetros de percorrido e con dificultade baixa. A saída está prevista diante do Consistorio. As prazas serán limitadas. As inscricións hai que facelas a través da conta de correo rutasgaliciasenderismo@gmail.com. O prazo para apuntarnos estará aberto até o mércores 6 de marzo.




