
Esta semana o Concello de Outes recibiu o primeiro vehículo para uso do persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), financiado pola Deputación da Coruña acorde á resolución do 15 de Maio de 2023.
Esta medida da Deputación ten como obxectivo realizar un apoio económico ás entidades locais de menos de 20.000 habitantes para a mellora da prestación esencial do SAF.
Os concellos que reciben esta axuda son Mañón, Carnota, Aranga, Ortigueira, Oza Cesuras, Tordoia, Outes, As Pontes, Irixoa e As Somozas.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou recentemente que esta nova liña “pretende dar solución a unha das principais demandas que nos trasladan os pequenos municipios que xestionan directamente os servizos de axuda no fogar, como é o desprazamento do persoal en distancias que ás veces, sobre todo nos concellos rurais, son de moitos quilómetros e que ata agora viñan asumindo con vehículos particulares”.
A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, enmarcou esta nova liña de axudas “na estratexia de mellora continua que estamos a aplicar nas políticas sociais da Deputación da Coruña, reforzando non só o persoal e as horas se axuda no fogar que financia a Deputación, senón tamén cuestións coma os desprazamentos que ata agora non estaban contempladas”.



