
Celulosas como ALTRI e ENCE, que aspiran a captar fondos PERTE destinados á descarbonización industrial, non deben recibir do Ministerio de Industria este tipo de axudas por incumpriren as condicións das devanditas axudas e o marco comunitario. ADEGA esixe que o Ministerio rexeite financiar este tipo de proxectos.
O Goberno central habilitou unha liña de axudas (subvencións e empréstitos) de 3.100 millóns de euros para a descarbonización industrial no marco do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) ás que empresas pasteiras como ENCE e ALTRI presentarán proxectos. Por este motivo, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) chama a atención sobre as contradicións que amosan proxectos como os de ALTRI que, baixo o pretexto de contribuiren a reducir as emisións e capturar carbono, agochan –
afirman os ecoloxistas- un maior consumo de recursos naturais, unha maior contaminación e a degradación de hábitats e servizos ecosistémicos chave para mitigar os efectos do cambio climático: xusto o contrario do que pretenden tanto o PERTE como o marco normativo europeo.
O fomento da descarbonización dos procesos industriais e a mellora ambiental son obxectivos do PERTE, que establece axudas para a electrificación de procesos e incorporación do hidróxeno; a xestión enerxética integral de procesos industriais; a redución do uso de recursos naturais ou a captura de carbono.
Dentro desta última liña de axudas á captura de carbono, inclúense as solicitudes de ALTRI e ENCE. Porén, unha das condicións que o PERTE establece para o financiamento de proxectos de captura, almacenamento e uso do carbono é que estes proxectos “non contraveñan o principio de DNSH”.
Este principio de non causar un prexuizo significativo ao medio ambiente (DNSH polas súas siglas en inglés) é unha condición definida pola Comisión Europea que obriga a realizar unha autoavaliación que asegure que o investimento ou reforma non afecta negativamente a un, ou varios, dos 6 obxectivos medioambientais definidos no Regulamento 852/2020. Este, relativo aos investimentos sustentábeis, establece que eses 6 obxectivos que os proxectos deben respectar (non afectar negativamente a un ou a varios) para seren considerados investimentos sustentábeis e, consecuentemente, seren financiados polo PERTE, son: mitigación do cambio climático, adaptación ao cambio climático, uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños, transición para unha economía circular, prevención e control da contaminación e protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.
Fica moi claro para ADEGA que ALTRI e ENCE incumpren claramente cando menos catro destes obxectivos, e posiblemente tamén os outros dous.
Como é posible, pregúntase ADEGA, que celulosas como as citadas tenten facer ver ao Ministerio que os seus proxectos contribúen ao uso sustentábel e protección dos recursos hídricos e mariños, a reducir a contaminación ou a permitir recuperar a biodiversidade dos ecosistemas?.
A natureza dos seus procesos industriais, moi intensivos no consumo de enerxía e recursos naturais como a auga, a forte contaminación que producen, etc. son algúns dos factores que o Ministerio está obrigado a considerar para avaliar se estes proxectos cumpren cos requisitos de financiamento que a UE establece para recibir fondos PERTE, porque é moi evidente “que non os cumpren”, motivo polo que nen sequera os debería admitir a trámite, como aconteceu cos fondos NextGeneration.
…



