
O CeibaRimas celebrou o pasado fin de semana en Rianxo a súa sexta edición cunha xornada que reuniu máis de 30 persoas participantes na competición de freestyle en galego (varias delas facíano por vez primeira en galego). Segundo informou a organización, as batallas estiveron marcadas “polo alto nivel” e “pola implicación entusiasta dun público que fixo vibrar a praza Castelao, coa presenza de máis de 500 persoas ao longo da xornada”.
O Jallejo proclamouse gañador do CeibaRimas 2026 tras superar á revelación da xornada, Sofía. Ambos viñan de presentar a súa candidatura ao trono nunhas semifinais de altura ante Xairo e Puma. A competición repartiu máis de 1.000 euros en premios e contou cun dinámico e selecto xurado formado por MØU, High Paw, Saibran, Alba María e Txuki Camanho.
Récord de participación feminina

Segundo lembraron dende a organización, esta edición supuxo “un récord de participación feminina no CeibaRimas, con até cinco mulleres en competición”. Entre elas estivo Sofía, nova voz no freestyle en galego, que tivo que medir as súas forzas contra outros fortísimos rivais coma Ralx ou Xeva.
A súa presenza na final converteuse nun dos momentos destacados da xornada e reforza a incorporación de novas voces femininas á escena da improvisación en galego.
Música e festa para pechar a xornada

A competición estivo acompañada durante toda a tarde dunha ampla programación musical. O escenario abriu co rap combativo e de raíz de Rebeliom do Inframundo, formación de referencia do hip hop galego que mestura a contundencia do rap hardcore coa electrónica e elementos da tradición galega. Txuki Camanho achegou o seu rap irreverente e persoal mentres que as propostas emerxentes de Noa Vigo, Baba Sall, Skadi GZ, Ash Diz, Basti e Alddara puxeron sobre o escenario novas voces e diferentes formas de entender e sentir a música urbana galega.
A xornada rematou cunha afterparty coa participación de DJ Misa, Saibran DJ Set e SoundIvan, prolongando a celebración arredor da música e da cultura urbana galega.
Coa súa sexta edición, o CeibaRimas continúa consolidándose como unha das principais citas do freestyle improvisado en galego, combinando competición, música e cultura urbana nunha xornada aberta a todo o público.
O festival CeibaRimas en Rianxo está organizado polo propio colectivo CeibaRimas, encabezado polo promotor e organizador Román Castaño. Conta coa colaboración do Concello, da Deputación da Coruña e máis da Secretaría Xeral da Lingua.



