
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou hoxe unha nova relación de beneficiarios das axudas destinadas a compensar o incremento dos custos do gasóleo derivado da crise en Oriente Medio. Galicia é a Comunidade Autónoma que recibe a maior parte destes fondos, un total de 4.139.904 euros para 2.011 buques.
Dende o Ministerio lembran que en toda España son case 4.500 armadores que son propietarios de máis de 4.800 buques de pesca e que recibirán un total de 9,9 millóns de euros. Esta compensación é para o gasóleo consumido no período comprendido entre o 1 de maio e o 30 de xuño, o segundo tramo temporal desta liña de axudas.
O período elixíbel destas axudas chega ata o 31 de decembro, pero para axilizar a súa concesión e permitir que os posíbeis beneficiarios continúen coa súa actividade, o Ministerio optou por abonalas parcialmente en períodos máis curtos. Os armadores dispoñen dun prazo de cinco días, entre o martes 13 e o luns 19 de outubro inclusive para comunicar erros, achegar as contas bancarias ou, no seu caso, renunciar ás axudas.
Ademais, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ten previsto realizar nos próximos días un novo pago de axudas correspondentes ao primeiro período desta liña de apoio, comprendido entre o 22 de marzo e o 30 de abril, cuxo groso se abonou en agosto (3,2 millóns de euros).



