
Desde este mércores, 7 de outubro, e ata o sábado 10 ás 20:00 horas, celébranse na antiga Fábrica de Sel as III Xornadas da Historia de Muros, organizadas pola área de Cultura do Concello.
As xornadas inaugúranse este mércores coa exposición e a charla Muros nos seus documentos, ás 20.00 horas, na que se expoñerán e se falará sobre as copias dos documentos máis importantes do arquivo histórico de Muros. Intervirán na charla Josefa Fernández e María Mallo, técnicas do Concello. Tamén a concelleira de Cultura, Caridad González.
O día 8 será a quenda da charla Singularidades da Semana Santa de Muros, a cargo de María Mallo, a partir das 20.00 horas.
O día 9 á mesma hora está prevista a charla A salga e as conserveiras e Muros, da man do historiador Santiago Llovo.
O día 10, tamén ás 20h, Manuela Lariño (experta en conservación e restauración de patrimonio) falará de As capelas portátiles e a súa salvagarda.
A continuación haberá un concerto de clausura a cargo de Rafa Fernández (guitarra acústica) e Benjamín Otero (oboe).
As xornadas serán conducidas por Marga Novo Malvárez, doutora en Historia da Arte (UIB).
A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, sinala que “o principal obxectivo destas xornadas é poñer en valor o noso patrimonio histórico e cultural, incidindo na importancia de coñecer as particularidades da nosa vila da man da veciñanza”.




