
CONGALSA, empresa da Pobra do Caramiñal especializada na elaboración de produtos conxelados a partir da transformación de materias primas procedentes do mar e de pratos precociñados (entre outras gamas de produtos) acudiu novamente á feira Conxemar, a Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados que organiza a asociación do mesmo nome no IFEVI de Vigo e que chega este ano á súa 27 edición contando até mañá coa presenza de máis de 830 empresas expositoras procedentes de medio cento de países. Neste singular marco de vocación internacional, CONGALSA despregou un espazo expositor de 100 m².
“A nosa empresa ten presenza neste foro desde hai un cuarto de século”, afirmou José Ramón Núñez, director Comercial e Marketing da firma, sinalando que nesta edición da feira a compañía prevé reforzar a súa relación con clientes e provedores dunha vintena de países, entre eles, Italia, Reino Unido ou Chile.
Reforzando a axenda

O fortalecemento da axenda comercial da compañía e dos vínculos institucionais con diferentes administracións e organizacións sectoriais centra estes días a acción de CONGALSA en Vigo. Segundo destaca Núñez, “máis do 90% do equipo que mobilizamos neste encontro pertence aos departamentos comercial e de compras”.
Así mesmo, o presidente e o conselleiro delegado da Corporación Empresarial CONGALSA, Luis Miguel Simarro e Julio Simarro, acudiron ao foro, do mesmo xeito que a directora xeral da firma pobrense, Noela Prieto, e varios directivos.
Unha campaña para restauración e colectividades

En Conxemar 2026, CONGALSA aposta por presentar solucións novas orientadas á canle HORECA (siglas de Hoteis, Restaurantes e Cafeterías), que axuntan sabor e practicidade, pertencentes ás súas diferentes marcas Ibercook, Yatecomeré, Sulpasteis ou Lenger Seafoods Vietnam. “Medramos como grupo empresarial e tamén ampliamos o noso catálogo de produtos grazas a novas referencias como os tacos de abadexo en tempura, as porcións de abadexo con salsa de espinacas ou de tomate, os lagostinos crunchy, os sticks de pescada, os rolos e mini rolos de lagostinos, as empanadillas de polo e atún ou as croquetas de ovo frito e chourizo. Estas novidades culinarias e algunhas outras, que pretenden reforzar a nosa presenza no mercado da hostalería e a restauración, preséntanse no marco da campaña O mellor está por servir, concibida especificamente para esta feira e a cuxo contido pódese acceder a través da súa propia páxina web”, sinalou José Ramón Núñez.
De xeito paralelo, engadiu Núñez, “como a mellor forma de dar a coñecer as nosas novidades é degustándoas, os nosos chefs preparan en vivo no noso espazo expositor (no Hall 3.2, stand 3C02) receitas que integran estas solucións, tamén destinadas a tapeo e colectividades, por exemplo colexios, residencias, ou hospitais, entre outras organizacións”. Trátase dunha coidada selección de referencias adaptadas ás novas normativas e demandas do mercado, cunha gran variedade de formatos e materias primas. Ao presentar estas solucións no noso stand podemos obter unha resposta directa sobre a súa acollida”.
Xunto a isto, CONGALSA aproveita a súa participación en Conxemar para coñecer de primeira man a evolución do sector e do mercado, así como os principais desafíos que se expoñen para os próximos anos: o director de Compras da Corporación Empresarial, David Comesaña, é un dos intervenientes nunha mesa sectorial sobre gobernanza e sustentabilidade da lura global, impulsada por Sustainable Fisheries Partnership dentro do programa paralelo de Conxemar 2026.
Relacións institucionais

Doutra banda, no marco institucional, o stand de CONGALSA recibiu a visita de diversas autoridades, entre elas o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Luis López Diéguez, e a secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel Artime.
“Para CONGALSA, as visitas institucionais representan un importante respaldo ao noso modelo de empresa e á nosa forma de traballar. Son tamén unha mostra do valor e do potencial que, desde Galicia, podemos achegar ao sector e proxectar internacionalmente”, sinalou Isabel Cañas, directora de Relacións Externas.
Conxemar é a cita sectorial máis relevante á que acode CONGALSA anualmente e un escaparate clave para mostrar a súa crecente dimensión, capacidade e potencial. Con todo, desde o departamento Comercial e Marketing, ponse en valor que, ao longo do ano, a empresa participa tamén noutros feiras de referencia, como Seafood Expo Global en Barcelona, Anuga en Colonia (Alemaña), PLMA en Ámsterdam ou SIAL en París.



