Durante o pleno extraordinario, Sampedro defendeu que a nova localización “garante a seguridade dos futuros usuarios”
A rexedora lembrou que foi o propio Goberno central o que catalogou As Saíñas como zona de risco potencialmente inundable

A Corporación municipal de Ribeira celebrou este xoves un pleno extraordinario solicitado pola oposición para abordar a situación da nova residencia pública de maiores. Durante a sesión, a alcaldesa, María Sampedro, avogou por traballar conxuntamente na consecución desta infraestrutura baixo a premisa de “menos líos e máis feitos”, ao tempo que defendeu a nova localización elixida para o centro asistencial.
A rexedora explicou que o equipo de Goberno buscou parcelas alternativas nada máis tomar posesión tras o endurecemento da normativa sobre risco de inundación promovido polo Goberno central despois da DANA no Levante. Sampedro subliñou que “o propio Executivo central catalogou As Saíñas como zona potencialmente inundable, polo que manter o proxecto alí suporía unha imprudencia”. A alcaldesa remarcou que “a opción de San Roque reúne todos os requisitos, prioriza a seguridade dos futuros residentes e permitirá ademais incrementar o número de prazas e acometer futuras ampliacións se fosen necesarias”.
A mandataria local tamén recriminou a actitude do BNG e do PSdeG-PSOE, cualificando de “moi graves as afirmacións do voceiro socialista e convidándoo a acudir aos xulgados se dispón de probas”. Sampedro insistiu en que “o procedemento avanza cara á materialización do edificio, lembrando que na sesión plenaria de setembro xa se aprobou a mutación demanial da parcela de San Roque para transferir a súa titularidade do Concello á comunidade autónoma mantendo a súa condición de servizo público”.
A iniciativa debatida no pleno foi finalmente desbotada ao recibir os 13 votos en contra do Partido Popular e do PBBI, fronte aos 7 votos favorables emitidos polos representantes do BNG, do PSdeG-PSOE e dos concelleiros non adscritos.




