Vinte disciplinas conforman a oferta deportiva da Pobra para a tempada 2026-2027

11 Setembro 2026

Co inicio dunha nova tempada, a actividade deportiva continúa na Pobra do Caramiñal cunha programación que reúne vinte disciplinas ao abeiro das Escolas Deportivas Municipais e das propostas dirixidas a persoas adultas, que se reactivarán no mes de outubro.

Desde a Concellaría dos Deportes mantense o compromiso co fomento da práctica deportiva e dun estilo de vida saudábel entre a veciñanza, achegando, nas súas palabras, “unha oferta variada para diferentes idades e coa colaboración, un ano máis, dos clubs locais”.

De maneira directa, a área municipal dos Deportes xestiona educación física de base-predeporte e fútbol sala mixto para a rapazada. No caso de irmás e irmáns, aplicarase un desconto do 50 % á segunda inscrición, mentres que a terceira será de balde.

Para as persoas adultas ofértanse ximnasia de mantemento, pilates, camiñadas + estiramentos, camiñadas para maiores, ximnasia para maiores, full body, ioga iniciación e baile, salsa e ritmo latino.

Pola súa banda, a rapazada poderá participar noutras modalidades grazas á implicación das entidades deportivas locais: artes marciais, atletismo, baloncesto, fútbol, patinaxe artística, remo, tenis, tenis de mesa, xadrez, xogos de mesa e tiro con arco.

Inscrición nas actividades para persoas adultas

Establécense dous prazos para participar nas actividades destinadas a persoas adultas. Os días 14, 15 e 16 de setembro estará aberto o período de inscrición de continuidade para as persoas que completaron a tempada anterior, 2025-2026, e cumpran os requisitos establecidos nas bases, que deberán ser consultadas. O segundo prazo, correspondente ás novas inscricións, abrirase a partir das 9.00 horas do 18 de setembro.

Inscrición nas Escolas Deportivas Municipais

O prazo de inscrición nas Escolas Deportivas Municipais abrirase o 14 de setembro ás 9.00 horas.

As solicitudes realizaranse a través dos formularios de continuidade e nova solicitude para as actividades de persoas adultas e do formulario correspondente ás Escolas Deportivas. Estes documentos estarán dispoñibles nas oficinas de Deportes, situadas na Casa da Cultura e Xuventude Raquel Fernández Soler; no Concello; na web www.apobra.gal e no Facebook A Pobra deportes.

Unha vez cuberto, o formulario deberá entregarse nas oficinas do Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica dentro das datas indicadas.

O inicio das actividades está previsto para o 1 de outubro de 2026. As modalidades de fútbol sala mixto e educación física de base-predeporte, así como as actividades de persoas adultas, desenvolveranse en dous períodos de catro meses, agás baile:

1.º período: do 01/10/2026 ao 29/01/2027.
2.º período: do 01/02/2027 ao 31/05/2027.

A organización resérvase o dereito de non realizar aquelas escolas que non acaden un grupo mínimo de participantes.

O pagamento efectuarase unha vez confirmada a matrícula e antes do comezo da actividade.

Para obter máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ás oficinas de Deportes, na Casa da Cultura e Xuventude Raquel Fernández Soler; chamar ao 981 831 545, extensión 1; escribir a deportes@apobra.gal; consultar a web www.apobra.gal ou o Facebook A Pobra Deportes.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.