
A contorna da praia de Coroso será escenario no domingo, 6 de setembro, de súas probas deportivas vinculadas ao mar: o Campionato Xunta de Galicia de
Triatlón Súper Sprint nas categorías cadete, xuvenil e, así como o primeiro Acuatlón Ribeira nas modalidades benxamín, alevín, infantil e cadete; ambas coa colaboración do Concello de Ribeira. No acto de presentación participaron o concelleiro de Deportes, Álex Vidal; o adestrador do Club Natación Ribeira, Juan Carlos Ageitos; e a tesoureira da entidade, Sendy Ríos.
O edil destaca a transcendencia de que este tipo de eventos se desenvolvan no municipio e de seguir con este tipo de actividades que dinamizan e convidan ao exercicio físico no mes de setembro nunha contorna como é a principal praia urbana de Ribeira.
A proba de triatlón arrancará ás 10.00 horas e as distancia a completar son 300 metros na natación, 8 quilómetros no ciclismo e 2 quilómetros de carreira a pé.

Os premios consistirán en medallas aos tres primeiros postos no podio en cada categoría, tanto masculina coma feminina; aos tres primeiros clubs; e para as persoas participantes na categoría inclusiva.
Doutra banda, o acuatlón dará comezo ás 12.00 horas. Os benxamín e alevín deberán nadar 150 metros e correr 800 metros, mentres que os infantil e cadete terán que facer 200 metros a nado e 1.200 metros correndo.

Polo de momento hai máis de 90 persoas inscritas para o triatlón e supéranse as 60 no acuatlón, se ben o prazo de inscrición permanece aberto ata as 23.59 horas deste 1 de setembro a través da páxina web www.fegatri.org.




