
O Coworking Lab Barbanza do Concello de Boiro e o Coworking da Pobra do Caramiñal anunciaron a súa participación no Coworking Fest que organiza a Deputación da Coruña de xeito simultáneo en todos os espazos de traballo da provincia.
En Boiro
En Boiro haberá actividades entre o 14 e o 18 de setembro no Centro de Formación, Innovación, Emprego e Emprendemento que o Concello ten en Espiñeira.
As actividades comezan con dúas xornadas de emprendemento para grupos de primaria e secundaria dos centros de ensino do municipio, unha proposta que busca achegar aos máis novos unha visión innovadora e responsable do emprendemento, fomentando no alumnado a aparición de novas ideas.
O mércores 16 celebrarase un obradoiro de podcasting para coworkers onde cada participante poderá valorar se esta ferramenta resulta útil para o seu proxecto empresarial, e no que aprenderán nocións básicas sobre a gravación de arquivos de son e a organización de contidos para dar a coñecer o seu negocio ou proxecto mediante esta ferramenta.
Xa o venres 18 terá lugar un evento aberto ao público xeral sobre aproveitamento de terras nomeado O rural ten futuro que consiste nunha charla práctica sobre alternativas para aproveitar terras agrarias e forestais e contará con dous obradoiros prácticos sobre reprodución de especies vexetais e sobre permacultura aplicada.
Esta actividade está deseñada por varios dos coworkers do Lab Barbanza e pensada para persoas propietarias de parcelas agrarias ou forestais, comunidades de montes, persoas emprendedoras, profesionais do sector e todas aquelas persoas interesadas en descubrir novas formas de transformar terras infrautilizadas nun recurso produtivo, sostíbel e xerador de valor para o territorio.
Na Pobra
O Coworking da Pobra achegará o 14 de setembro pola tarde a partir (entre as 17.00 e as 18.30, en formato en liña) unha Introdución práctica á fotografía profesional impartida por Sonia García. Será unha sesión práctica sobre a fotografía aplicada á contorna coworking e á comunicación persoal/profesional.
O 16 de setembro celebrarase a sesión Quen leva o volante do teu emprendemento?, unha actividade que nos permitirá descubrir as diferentes partes internas que acompañan o noso emprendemento e aprender a relacionarnos con elas dun xeito máis consciente e amábel. Desenvolverase dende o Coworking da Pobra e será de balde, en horario de 17:00 a 20:00 Coworking da Pobra. Impartirán Nancy Silva Pérez (terepeuta Gestalt, técnica en inclusión social e creadora de Apertas de Cores, un espazo de acompañamento emocional onde traballa con infancia, adolescencia, persoas adultas, familias e grupos) e Álvaro Trillo, instructor de Ioga Recursos psicofísicos para cultivar un maior equilibrio emocional, claridade e resiliencia no emprendemento.
Sonia García repetirá o día 17 cun obradoiro de fotografía profesional.




