
A emblemática escultura da Virxe de Guadalupe, obra de Francisco Asorey, volve lucir na praia de Tanxil tras máis de dúas décadas de ausencia. Os traballos para recolocala no seu pedestal orixinal remataron recentemente, e o Concello de Rianxo organizará este sábado, día 5 de setembro, un acto oficial para celebrar a posta en valor e recuperación deste símbolo do patrimonio local.
A peza, realizada polo recoñecido escultor cambadés —unha das figuras máis destacadas da arte galega da primeira metade do século XX—, instalouse orixinalmente en 1932 por encargo de Ángel Baltar nun terreo propiedade da súa familia. Alí permaneceu durante máis de 70 anos ata que, en 2005, os herdeiros decidiron retirala preventivamente debido ao risco de desprendementos causados por unhas obras que a Demarcación de Costas executaba na zona.
Malia que a retirada concibiuse inicialmente como unha medida temporal, a imaxe non regresou ao areal ata agora. O retorno foi posible grazas ao acordo acadado en setembro de 2025 polo Concello de Rianxo coa familia Baltar, o cal permitiu acometer a súa restauración e o posterior regreso ao emprazamento histórico que lle corresponde na beira da ría.




