“O poder dos criados”. Xosé López Silva

17 Setembro 2026

Na Alexandría do I d. C. Herón describiu unha esfera que xiraba impulsada polo vapor da auga. Antes ca el, Ctesibio construíra bombas, autómatas e un órgano hidráulico. Algúns dos grandes elementos da física aplicada estaban alí: a presión, o émbolo, o movemento continuo, e non serviron para nada. Aquelas máquinas quedaron en curiosidades de salón durante case dous mil anos.

A explicación sobre isto ofreceuna o astrofísico Carl Sagan hai case cincuenta anos nesa marabillosa serie documental que foi Cosmos: os escravos. Dispoñer de man de obra sen custo eliminaba para o mundo antigo os motivos para desenvolver a técnica. E certo que o mundo romano adaptou solucións eficientes no ámbito da arquitectura, pero aí quedaron. No século XVIII o vapor cambiaría a faz do mundo. Comezaba a Revolución Industrial. Grecia e Roma desbotaron, a nivel técnico, o máis decisivo e foron conscientes diso: Aristóteles escribiu que se as lanzadeiras tecesen soas, os amos non precisarían escravos e iso desfacía a orde natural do mundo.

O pasado 26 de agosto, Bill Gates publicou un memorando sobre a intelixencia artificial titulado As decisións que tomemos agora sobre a Intelixencia Artificial son cruciais. Paga a pena lelo con atención. Entre as propostas que fai está a de reservar deliberadamente determinados traballos para as persoas, sobre todo os que se refiren aos coidados, malia que a IA poida facelos igual ou mellor. Que distópico soa todo: os humanos convertidos nunha reserva natural.

O curioso é que a discusión enteira sobre a IA, tamén a de Gates, está formulada desde a posición do amo. No mundo antigo e no mundo moderno, o servizo nunca foi unha tecnoloxía, malia que se utilizase: foi, sempre e sobre todo, cuestión de xente. Ter alguén que che escriba as cartas e os discursos, que che faga as compras, que che busque nun arquivo, que che resuma un expediente, foi durante estes últimos tres mil anos unha marca de posición social, e só uns poucos a podían pagar.

O que agora se democratiza coa IA é unha vella condición reservada a esa minoría, a de ter escravos e criados que che fan máis doado o traballo ou mesmo che liberan del. Inocuo? A posición do amo ten outra perspectiva, que a literatura leva vinte séculos contando. Con serventes, o amo cede poder. Vémolo nos escravos astutos das comedias de Plauto, pasando polo Fígaro de Beaumarchais, ou no criado chantaxista de A muller do tenente francés, que o británico John Fowles publicou en 1969. A figura repítese sempre igual: o criado sabe, e sabe que o amo precisa del máis que ao contrario.

Hai nesta relación unha segunda dependencia máis sutil. Quen se afai a que lle fagan o traballo acaba perdendo a capacidade de comprobar se está ben feito. Podes ditar unha carta se sabes o que queres dicir, e podes encargar un resumo se es quen de verificar despois se está ben feito. Se non, un xa non ten un asistente: ten un intermediario do que se depende, e a dependencia é tanto maior canto menos se nota. Así que o dominio da IA non o arranxa ningunha reserva de traballos, porque non é un problema de emprego senón, en boa medida, de cesión de liberdade.

O criado foi durante tres mil anos un privilexio de poucos. Agora que o temos todos, non saber estar sen el fainos a nós os verdadeiros escravos. Quizais a idea da reserva humana de Gates quédase moi curta, en realidade.

Outros artigos

“Pioneros del cielo gallego”. Alberto Barciela

El lexicógrafo Eladio Rodríguez López, en su célebre diccionario editado por el Centro Gallego de Caracas, dejó anotada una de esas perlas que invitan a tirar del hilo de la historia. Al definir la palabra «aviación», aludía a un vecino del ayuntamiento lucense de...

+

“Pasa en Lugo” – Xulio Xiz

O meu papel de comentarista é escribir un artigo semanal sobre a actualidade lucense. Nos meus tempos de informador activo, nas emisoras de radio non se podían dar noticias ou comentarios nacionais, e había que cinguirse á actualidade local, o que viña significar que...

+

Xoves 17, nubes con mais claros a medida que avance o día

Galicia continuará nunha situación intermedia entre as altas presións localizadas nos Azores e as baixas presións que se desprazan máis ao norte. Con esta situación, teremos máis nubes no norte, con posibilidade de chuvascos illados e ocasionais, que tenderán a...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Los niños del 60, y los de hoy”. Manuel Dominguez III

“Los niños del 60, y los de hoy”. Manuel Dominguez III

En aquella década todos los niños acudíamos el sábado a la vieja tienda de la vieja señora, a comprar los tebeos del Capitán Trueno o Jabato o Hazañas bélicas. Intercambiamos los cuentos para leer más. Leer era un placer, cuasi una devoción, los nietos de aquella...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.