
Volven con remate de agosto as visitas teatralizadas ao Pazo de Goiáns (Boiro) a cargo da agrupación Os Quinquilláns. A vindeira sesión (unha visita teatralizada, guiada e comentada) será este venres 28 de agosto ás 19.00 horas. A entrada será libre aínda que as prazas veñen limitadas.
Cómpre facer as inscricións no Centro Social de xeito presencial ou a través do teléfono 981 84 84 25. En caso de choiva a visita teatralizada realizarase o 3 de setembro.
A seguinte cita será o 18 de setembro á mesma hora: ás 19.00 horas.
O programa de visitas, realizadas polos Quinquilláns, ten como finalidade dar a coñecer a historia do inmóbel a través das personaxes que o habitaron.
Estas sesións divulgativas comentadas están dirixidas a mostrar polo miúdo, dun xeito divertido e tamén divulgativo, os importantes tesouros arquitectónicos e ambientais do pazo e, tamén, a súa historia no tempo.
O programa vén da man do Concello de Boiro e as sesións serán conducidas novamente polo grupo Os Quinquilláns, compañía teatral especializada no teatro de rúa e infantil, que conta cunha longa experiencia recreando algúns dos fitos máis destacados da nosa historia e da nosa cultura.




