Pesca Saúde volverá no outono con obradoiros de cociña práctica para a cidadanía e presenza na hostalaría

03 Agosto 2026
Obradoiro de demostración gastronómica e Noia

Pesca Saúde vén de completar un intenso cuadrimestre de actividades que percorreu a costa galega de norte a sur para achegar á cidadanía os beneficios do consumo de peixe, marisco e outras especies do mar. Entre abril e xullo, a iniciativa combinou xornadas técnicas cun enfoque médico-científico e visitas informativas a centros de saúde, onde tamén se están a emitir os vídeos promocionais da campaña. Xa no mes de xullo, sete demostracións de cociña en vivo (showcooking) reuniron a máis de trescentas persoas, poñendo o ramo a esta 1ª fase da campaña, centrada na difusión dos beneficios nutricionais de peixe, marisco e outras especies mariñas, así como na importancia do consumo de produto de proximidade a través de 117 establecementos adheridos en toda Galicia.

Despois dun último evento neste verán, a visita da foodtruck Pesca Saúde o 29 e 30 de agosto no Pantín Classic (Valdoviño), as actividades de Pesca Saúde reanudaranse no outono, cando se celebrarán os obradoiros prácticos de batchcooking impartidos por profesionais da cociña. O batchcooking é unha técnica pensada para aproveitar o tempo de cociñado e reducir o desperdicio alimentario. Nestes obradoiros, ensinarase ás persoas a planificar os seus menús semanais incorporando produto pesqueiro nas súas elaboracións de xeito sinxelo. As persoas interesadas en participar deben permanecer atentas ás redes sociais dos GALP, onde se anunciarán as diferentes convocatorias, para as que será precisa a inscrición previa.

Sorteos e demostracións de cociña ao vivo nas prazas de abastos

A fase máis recente do proxecto centrouse en sete demostracións de cociña en vivo celebradas en prazas de abastos, mercados e locais de asociacións de sete vilas galegas ao longo de xullo, nas que participaron máis de 300 persoas, da man de cociñeiros e cociñeiras de prestixio: A Artesa da Moza Crecha, O Cangrexal, Miguel Silvarredonda, A Casa do Tello e Rosalía, Miguel Mosteiro, Nieves Martín da Escola de Cociña “Cousiñas” e Ana Martínez Arruñada, da Escola de Hostalería IES de Foz.

No contexto destes obradoiros celebráronse os sorteos de degustacións de produto pesqueiro en establecementos de hostalería. Rexistráronse 1.348 sobres participantes que tiveron que reunir os seus tíckets de compra nos comercios adheridos. As persoas gañadoras poderán degustar un menú nalgún dos establecementos que participarán na seguinte fase do proxecto: Come o mar, come saúde, centrada na restauración. Nesta acción, coa colaboración dun equipo de nutricionistas, elaboraranse menús personalizados e adaptados a cada establecemento participante en función dos produtos locais e de tempada, poñendo o foco nas súas propiedades nutricionais.

Durante todos os eventos de Pesca Saúde repartíronse ademais vales de desconto de 5 euros, aplicables directamente na compra nas 117 peixerías adheridas repartidas por toda a costa galega —cuxo prazo de validez se ampliou ata o 31 de xullo— así como receitarios e guías de propiedades nutricionais. Todos os materiais da campaña pódense descargar tamén na web do proxecto, pescasaude.gal.

Un proxecto con base científica

Pesca Saúde nace como resposta ao descenso progresivo do consumo de peixe fresco e ao avance dos ultraprocesados na dieta habitual, unha tendencia asociada ao aumento de enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias. O proxecto defende que promover o consumo regular de peixe galego non é só unha cuestión dietética, senón unha estratexia de saúde pública apoiada na evidencia científica, dado o seu papel na saúde cardiovascular, cerebral, ósea, muscular, inmunitaria e metabólica.

A iniciativa está financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar, e nela participan sete GALP que cobren boa parte do litoral galego: Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa Sostible, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal. Conta ademais coa colaboración da Consellería de Sanidade, que une as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) dos GALP coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.