A deportista olímpica súmase ás homenaxes xa dedicadas ao taekwondista Álex Vidal e ao grupo musical Heredeiros da Crus.
O acto enmarcouse dentro do programa das festas de verán da parroquia de Ribeira, que continúan ata este domingo.

A nadadora olímpica María Vilas conta xa coa súa propia estrela no paseo da fama de Castiñeiras, un recoñecemento que se fixo efectivo este sábado no marco das festas patronais que a parroquia celebra do 21 ao 23 de agosto.
No acto de descubrimento da placa participou a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, quen puxo en valor a destacada traxectoria deportiva da homenaxeada. Vilas, que participou nos Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro 2016 nas probas de 800 metros libre e 400 estilos, conta tamén con presenza en dous campionatos do mundo e mantén a súa actividade competitiva en probas de fondo.
Con esta distinción, o seu nome únese aos do taekwondista Álex Vidal e á emblemática banda de rock Heredeiros da Crus. Trala homenaxe institucional, veciños e visitantes continuaron co programa festivo participando na tradicional sardiñada celebrada na zona portuaria.





