O Real Club Náutico de Portosín presentou este mércores a duodécima edición do Trofeo Pitusa Sabín – XXXVIII Regata Mar de Finisterre, que se disputará os días 22 e 23 de agosto. A cita náutica reunirá máis de 30 embarcacións de alto nivel e será puntuabe para a Copa de Galicia de Clubs, a clasificatoria galega para o Campionato de España de Cruceiros e o prestixioso Trofeo Presidente da Xunta de Galicia.
- Sábado 22 (Proba costeira): Ás 12:00 horas darase a saída á etapa raíña de 40 millas náuticas (arredor de 74 km) de ida e volta entre Portosín e a enseada de Fisterra, dobrando o mítico Faro do Carrumeiro Chico. Os barcos de menor eslora farán un trazado costeiro polo interior da ría de Muros e Noia de 10 millas ata a contorna da praia de Arnela.
- Domingo 23 (Barlovento-Sotavento): A partir das 11:00 horas disputaranse dous percorridos técnicos de bastóns polo interior da ría.
Un evento deportivo con fondo social No acto de presentación interviron o presidente do club, José Codesido, e o vicepresidente Fernando González, acompañados polo edil de Deportes de Porto do Son, Carlos Lorenzo; o director de Portos de Galicia, Juan Sanmartin; o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; e os patrocinadores do evento, Dominga Sabín (Pitusa) e Jacinto Hernández.
Codesido subliñou que a regata reflicte a vocación dun club “aberto ao mar, á competición e a Galicia”, mentres que a familia patrocinadora puxo o acento no compoñente social e humano dunha proba que une deporte de alta competición e convivencia no porto sonense.





