
A retranca do Castelao grafista en Cousas da vida, o humor escondido no mundo animal da mostra de Comedy Wildlife, o retrato da emigración da Axencia EFE ou o enxeño de Antonio Mingote encherán as rúas e centros expositivos de nove novas localidades galegas ata final de ano.
Ribadavia, Ares, A Estrada, O Grove, Vilar de Barrio, Teo, Xinzo de Limia, A Rúa, Zas e Tui serán as próximas paradas das mostras de Corrente cultural organizadas por Afundación (Abanca).
O proxecto busca transcender os circuítos expositivos urbanos e trasladar as propostas expositivas alén das sedes de Afundación en colaboración con Abanca e numerosas corporacións municipais. No que vai de ano, 143.000 persoas teñen visitado as exposicións incluídas nesta iniciativa. Para cando remate o ano, Corrente Cultural terá chegado a un total de 38 municipios de tamaño intermedio de toda Galicia, o 10% da poboación galega, segundo fixo saber a entidade financeira galega.

Nos vindeiros meses Castelao grafista (facsímile), a mostra que explora a faceta grafista de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, estará en Camariñas ata o 30 de agosto, do 3 setembro ao 10 de outubro na Estrada, do 9 de outubro ao 13 de novembro en Teo, e entre o 19 de novembro e o 26 de decembro en Zas. A exposición inclúe 9 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que 49 pertencen á Colección de Arte Abanca; tamén obras procedentes doutras institucións, galerías e particulares.
Pola súa banda, Comedy wildlife a exposición coa selección das fotografías máis destacadas e divertidas do recoñecido Premio Comedy Wildlife Photo dos anos 2015 a 2025, chegará a Ribadavida na súa edición de rúa o 19 de agosto, onde permanecerá ata o 13 de setembro.

Ademais, Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no s. XX, que resume en 40 imaxes a realidade da emigración galega do pasado século, visitará Ares entre o 21 de agosto e o 18 de setembro.
Pola súa banda, Arte & Humor. O enxeño de Antonio Mingote, a mostra que recolle a ollada lúcida e mordaz dun dos grandes mestres do humor gráfico español, estará no Grove entre o 15 de setembro e o 12 de outubro. Logo poderá visitarse en Xinzo de Limia do 21 de outubro ao 27 de novembro, e rematará o ano en Tui, onde estará do 3 de decembro ao 9 de xaneiro.
Fauna Esencial, o percorrido que nos somerxe na beleza e fraxilidade das especies máis representativas da nosa contorna natural, estará en Vilar de Barrio do 16 de setembro ao 20 de outubro, e despois recalará en A Rúa entre o 28 de outubro e o 26 de novembro.
Corrente cultural desenvólvese a partir da convicción, por parte de Afundación, de que a arte e a cultura son elementos imprescindibles para potenciar o coñecemento e o desenvolvemento da sociedade.



