A XXIV Travesía Solidaria a Nado volverá converter Testal gran festa do deporte inclusivo

05 Agosto 2026

O Salón de Plenos do Concello de Noia acolleu este 5 de agosto a presentación da XXIV Travesía Solidaria a Nado na ría de Noia, unha cita xa plenamente consolidada no calendario deportivo do municipio e que, en palabras da organización, “converte a ría nun espazo de convivencia, superación e inclusión a través do deporte”.

No acto participaron o presidente de ADECO-DEA, José “Pepe” Barrios, e a concelleira de Deportes, Sandra González, quen destacaron a importancia dunha iniciativa que leva máis de dúas décadas promovendo o deporte adaptado e a participación de persoas con e sen discapacidade nunha mesma actividade.

A travesía manterá o seu percorrido habitual, con saída desde a praia de Testal e chegada ao Freixo, nun traxecto que os participantes máis rápidos completarán en arredor de 40 minutos, mentres que o tempo estimado para o resto oscilará ata aproximadamente unha hora e vinte minutos.

Unha vez rematada a travesía, as persoas participantes serán trasladadas de novo ata Testal en embarcacións, onde recibirán unha medalla conmemorativa e compartirán uns petiscos como peche da xornada.

Durante todo o percorrido, a organización contará co apoio de embarcacións de acompañamento para garantir a seguridade dos nadadores e nadadoras, motivo polo que a participación estará limitada a 100 prazas.

A actividade está aberta tanto a persoas con discapacidade como a persoas sen discapacidade, mantendo o espírito integrador que caracteriza esta iniciativa desde os seus inicios.

O presidente de ADECO-DEA, José “Pepe” Barrios, destacou que “non é unha competición, é unha festa do deporte e unha festa da inclusión”, lembrando que se trata da actividade “con máis tradición do club”. Seguindo este fío, explicou que o ritmo de inscricións está a ser moi elevado, con 70 persoas anotadas cando aínda faltan varios días para o peche do prazo.

“As inscricións péchanse o día 12, pero pensamos que para entón estarán practicamente completas. Todo apunta a que volveremos cubrir as 100 prazas, e iso demostra que a travesía segue medrando ano tras ano e que a xente entende perfectamente o seu espírito”, sinalou.

Barrios quixo tamén agradecer o respaldo institucional recibido ao longo destes anos. “O Concello de Noia leva moito tempo sendo o principal colaborador desta actividade. Sempre atopamos apoio para seguir organizando unha xornada que promove valores tan importantes como a inclusión, a convivencia e o deporte para todas as persoas”, afirmou.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Sandra González, puxo en valor o labor desenvolvido por ADECO-DEA durante máis de dúas décadas.

“ADECO-DEA leva moitos anos demostrando que o deporte é unha ferramenta extraordinaria para construír unha sociedade máis inclusiva. Desde o Concello de Noia sentímonos moi orgullosos de poder colaborar cunha entidade que realiza un traballo tan importante e que converte esta travesía nun exemplo de convivencia e participación”, destacou.

A edil convidou tamén á veciñanza a achegarse e participar desta xornada. “Queremos animar tanto ás persoas participantes como a quen queira acompañalas desde terra a vivir esta festa do deporte. Máis alá do percorrido a nado, esta é unha actividade que fala de compañeirismo, de esforzo compartido e de inclusión, e paga a pena formar parte dela”, concluíu.

As inscricións permanecerán abertas ata o 12 de agosto, aínda que a organización prevé completar as prazas dispoñibles antes desa data debido á elevada demanda.

—

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.