A arte ourensá de non morrer”. Lois Alcayde Dans

03 Agosto 2026

Coincidiume o outro día, mentres atendía á televisión, ver ao mesmo tempo no meu móbil unha información de estas que son coñecidas antes de coñecelas. Os galegos estamos acostumados a isto porque somos un lugar xeograficamente pequeno e xa andamos moi, moi de volta cando as cousas veñen. Sabemos xa un pouco de quen vén sendo a cousa e quen anda niso: poñamos por caso a trama dun episodio da Galega; a vixésimo segunda antoloxía de autores literarios galegos que son os mesmos autores da vixésimo primeira antoloxía de autores literarios galegos; o conxunto de asinantes con venerable idade do enésimo manifesto en protesta de (insira vostede o tema) ou, en fin, o elenco da seguinte produción do Centro Dramático Galego. Somos un país conservador porque xa un pouquiño antes de que nos falen do asunto xa sabemos de que va e quen anda aí e gostamos de manter estas nosas tradicións de facer patróns e costumes.

Ao caso. No meu móbil aparecía un dato nada sorprendente que é xa unha anual tara europea: a provincia de Ourense é a provincia española líder na perda de habitantes. Na pantalla da televisión contemplaba ao mesmo tempo outra imaxe, a dunha inmensa multitude concentrada na fronteira sur española. Nun lado, xente que intentaba entrar; no outro, unha terra da que a xente continúa marchando, e esta última témola aquí ao lado. 

A derrota nosa, neste caso a de terra adentro, aniña nos corazóns ourensáns. Ourense practica unha arte particular de non morrer e o tema ourensán non é a chegada de xente, é a súa falta. Familias, comercios, vivendas que desaparecen, semella un inmenso mapa forense de restos de pedra, eiras colmadas polo monte e corazóns (isto é o máis doloroso) acostumados aos baleiro e resignados a aceptar a situación tal e como está. Falta xente. E iso, dispensen a honestidade, é unha cousa ben triste. Falamos de gráficas e datos pero a verdadeira derrota é aquela que, sendo hoxe Ourense unha provincia con máis capital e inmensas oportunidades ca no pasado, a xente teña menos ganas de reproducirse e pervivir a vida ca naquel pasado de menor poder de compra. Cóntanme os de alá que isto non sucede así coa xente que chega de novo, ollo, sucede cos ourensáns de varias xeracións e fala dun marco mental, dun xeito de estar no mundo, sen reposición, esgotado, chuchado polo anárquico eixo atlántico ou polo despeñaperros madraka que todo o engole.

Todo isto resulta difícil de explicar, dada a inmensa capacidade que ofrece Ourense, dende o seu campo até o seu pulo termal, pasando pola súa conexión como nodo de transporte e comunicación co resto de España. Porén, cando abordamos este tipo de análises, adoita facerse desde criterios estritamente económicos, deixando á marxe outros factores máis naturais, vinculados ao corazón e aos desexos das persoas, que con frecuencia exercen unha forza moito maior ca a frialdade dos datos. O que vén sendo todo o que sumado resulta nunha mellor calidade de vida.

Deberiamos falar, daquela, de preocupacións relacionadas cunha determinada política e cunha maneira de estar no mundo na que o futuro non aconteza unicamente no horizonte aspiracional desa imaxe devoradora de Madrid. Falo da relación coa terra e do pracer de gozar dos froitos do solo que un pisa; da relación co seu barrio, fálolles dos parques e das avenidas coidados; de casas con espazo, pensadas para seren habitadas e para convidar á vida, debera ser feita con deseño amable, ventilación e rúas seguras enfronte. Ourense, na súa capital provincial, tamén está entre os líderes de contaminación por CO2 e a falta de espazos para as persoas e non para os coches é patente.

O que lle sucede a Ourense —esa invasión da soidade— acontece tamén en moitos outros lugares. A súa explicación é, seguramente, bastante universal e non responde a ningunha maldición nin a ningún mal aire procedente das Burgas.

O médico Roberto Fernández Álvarez sostén no seu recente ensaio A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2025, recén saído do prelo de Galaxia, que as persoas que teñen un obxectivo na vida, unha promesa ou unha finalidade viven máis ca aquelas que carecen deles. Coas sociedades pode suceder algo semellante: sobreviven os pobos que conservan obxectivos máis ou menos comúns, tanto no ámbito individual como no colectivo. Sobreviven os pobos en comunidade. Eses propósitos mantéñenos dotados dun significado no mundo e permiten construír algo tan básico como un marco cultural axeitado para formar unha familia. Diso falan numerosos teóricos e expertos: da necesidade de que unha sociedade resulte atractiva para poder perdurar. Esa sensación de permanencia ten algo que ver co patrimonio, moito que ver coa lingua e tamén coa posibilidade de recoñecerse na propia historia. No seu lugar o mundo nun coche ou nun vagón de tren, vida transhumante coa súa perda da alegría, substituída pola sucesión de patéticas stories de Instagram, cheas de bos desexos para unha terra á que se regresa durante as vacacións e pola que se chora desde a distancia das catro torres de Chamartín.

Os que saen de Ourense fano porque senten que a súa propia terra deixou de ofrecerlles un horizonte no que recoñecerse. Son de aquí e son veciños nosos. A maldición ourensá non é a economía, é o desánimo. Algúns regresan ao cabo dos anos, despois de descubrir que tampouco fóra atoparon o lugar que procuraban; outros non volven, aínda que leven consigo unha saudade que nunca chega a saciarse. Entre os que marchan e os que regresan, o territorio permanece cada vez máis silencioso, despoboado non só de habitantes, senón tamén de expectativas, de vínculos e de razóns para quedar nesa arte particular de non morrer.

Lois Alcayde Dans.

Outros artigos

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.