O proxecto SeaFoodFuture, de tres anos de duración e que comezou en 2024, avanza nos primeiros resultados para unha valorización integral da biomasa de algas, sendo o seu obxectivo “desenvolver produtos alimentarios sostíbeis e de alto valor nutricional”.
Trátase dunha iniciativa internacional, coordinada polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) a través de grupo de Química de Produtos Mariños e o Instituto de Ciencias da Alimentación (CIAL CSIC), na que participan Tarsus Üniversitesi (Turquía), a empresa galega Porto-Muíños, Sapienza Università di Roma (Italia), Universidade de Aveiro (Portugal), Innovate Solutions (Irlanda), Matís (Islandia), SINTEF Ocean (Noruega) e Seaweesh, Tartu Ülikool (Estonia).
Está financiada por Sustainable Blue Economy Partnership (SBEP) e conta co co-financiamento do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) e do Programa Horizonte Europa da Unión Europea.
Os obxectivos concretos do proxecto son “valorizar as algas mariñas como fontes alternativas de proteínas; utilizar os residuos industriais de algas para o desenvolvemento de materiais de envases bio baseados e estudar estratexias para mellorar as propiedades nutricionais, tecnos-funcionais e a aceptación por parte dos consumidores de produtos baseados en algas”.

Para iso, explóranse as metodoloxías de cultivo e recolección de distintas especies de algas (entre elas, Saccharina latissima, Gracilaria spp., Manifesta palmata, Pyropia spp. e Ulva spp.), tanto cultivadas como silvestres, endémicas de diferentes concas mariñas europeas. Estas seleccionáronse considerando especies pertencentes ás tres categorías de algas (pardas, vermellas e verdes) e en función do seu potencial de produción a gran escala e o seu contido proteico.
“As algas mariñas son unha excelente fonte de proteínas e fibras dietéticas de alta calidade nutricional, e toda a súa biomasa pode aproveitarse para xerar produtos alimenticios de alto valor engadido e materiais de envasado mediante métodos de cultivo sostíbeis e resilientes, e enfoques de procesado con tecnoloxías limpas.”, explica Patricia López, investigadora do IIM-CSIC e co-coordinadora do proxecto. Engade que a iniciativa caracterizará as algas en termos de composición química, perfil de aminoácidos, análise de polifenoles e monosacáridos, así como a micro e nanoestructura dos seus tecidos para identificar as especies con maior contido proteico e fibra dietética.
Tras esta selección, aplicaranse diferentes pretratamientos para optimizar os procesos de extracción de proteínas, obtendo produtos menos refinados e reducindo o impacto ambiental do proceso produtivo.
A continuación, caracterizarase a composición, a calidade nutricional e as propiedades tecnofuncionais dos ingredientes obtidos, para avaliar o seu potencial como ingredientes alimentarios, garantindo a súa seguridade para o consumo humano.
Elaboraranse e avaliarán prototipos de alimentos que incorporen extractos de algas. Os prototipos modelo seleccionaranse en función de enquisas e análises de mercado. Estudarase a microestructura e a dixestibilidade dos prototipos máis prometedores para avaliar o impacto da matriz alimentaria e os métodos de procesamento.
Ademais, realizaranse análises sensoriais para avaliar a aceptación por parte dos consumidores da UE.
Dende o CSIC informan que “os residuos obtidos da extracción industrial de polisacáridos ou da produción de extractos ricos en proteínas procesaranse para xerar diferentes tipos de envases, como películas, materiais termoformados e almofadas de aeroxel”.
Ata a data, o proxecto xerou avances significativos no desenvolvemento e caracterización de ingredientes e produtos alimentarios innovadores a base de algas. “Realizáronse estudos sensoriais de prototipos de snacks e doutros alimentos formulados coas especies de algas de maior contido proteico, así como o desenvolvemento de prototipos de biomateriais destinados a prolongar a vida útil dos alimentos mediante a valorización dos residuos xerados trala extracción de polisacáridos”. De xeito paralelo levouse a cabo unha caracterización exhaustiva da estrutura e composición de distintas especies de algas procedentes de diferentes mar e océanos, permitindo establecer comparacións sobre a súa variabilidade. Así mesmo, avaliouse a calidade nutricional e a dixestibilidade das diferentes especies e dos prototipos desenvolvidos”, explica Patricia López.
Na actualidade, o equipo de investigación está a preparar un estudo de consumidores a gran escala en varios países europeos co obxectivo de identificar os principais factores que impulsan a aceptación e o consumo de produtos elaborados con algas.




