Como a do Nazareno na Pobra do Caramiñal, a tradicional procesión “dos mortos” de Ribarteme na festa relixiosa de Santa Marta morreu coma naceu: por decisión da igrexa. O mesmo que aconteceu cos “ofrecidos” a Santo André de Teixido, que baixaban de xeonllos ata a igrexa un camiño serpenteante que moito lles tiña que pesar a promesa feita ao santp miragreiro para asumir aquela dolorosa experiencia.
Onte, mércores, en Ribarteme, un cadaleito fechado, arrumbado no torreiro como agardando polo seu morto, foi o que posiblemente clausurara unha historia secular de promesas e ofrecementos enmarcada na conmemoración da festa de Santa Marta. En Ribarteme non houbo “caixóns” na procesión. Só o que permeñeceu, como digo, arrumbado no torreiro desde primeiras horas da mañá ata pola tarde no cumprimento dunha silenciosa ofrenda que o párroco non permitiu facer realidade e que os romeiros, fartos de leas, deixaron “pasar”, como se a cousa non fose con eles.
Triste (penso), só, como marxinado da que semore fora a súa procesión, abandonado ao sol que chegaba fariñento, o “caixón” non tivo quen lle escribira a memoria procesionando ata a igrexa- E así, a tradición esmorece con un “the end” digno de Gary Cooper que os romeiros a Santa Marta asumen pero non aceptan.
Apenas quedaban esperanzas de que este ano o cura mudara de opinión e que a procesión dos caixóns fora posíbel pola mediación de Santa Marta. Mais non houbo modificación na determjnación do párroco de San Xoan de Ribarteme: gañou a partida a prohibición. Só o cadaleito do torreiro deu testemuño do que foi unha tradición fondamente enraizada na relixiosidade dun pobo que adorou ás árbores e ao sol e que admitiu cruceiros onde antes había léndas porque así o quixo a igrexa.
Prohibida a procesión dos cadaleitos alugados, pouco lles queda ás promesas. Estas xa non teñen o sabor da obediencia relixiosa. Queda o costume de séculos: a festa de Santa Marta e os romeiros procesionando ao son das gaitas ou a banda de música. Xa máis que relixioso, o acto é festivo, con algúns -poucos- “ofrecidos” que se amortallan para a foto sen cavilar sobre a significación do acto no que tamén figura o crego como actor principal.



