“O xornal de maior tiraxe de Galicia publicou días pasados unha reportaxe sobre o balonmán en Ribeira sentando as bases do nacemento desta modalidade deportiva nos anos 80 do século pasado cando, na realidade, a explanada do Malecón -o seu cemento vivo levantando a pel de cantos xa o practicabamos 15 anos antes da data citada- serviu en numerosas ocasións para evidenciar a calidade dun fato de rapaces que adestrabamos no campo do Grupo Escolar Francisco Franco (hoxe “O Grupo”) que loitabamos con equipos de Rianxo, Vilagarcía, Padrón, Santiago e mesmo A Coruña con resultados senón absolutamente satisfactorios sí polo menos aceptábeis.
Tiñamos camisetas albiazuis, pantalóns azuis e un escudo coa lénda GDR (Grupo Deportivo Riveira) que nos bordaran as rapazas dunha academia ubicada no edificio da antiga Telefónica, sita no número 1 da rúa Manzanares, esquina á praza de Pontevedra (estrada a Martín) e só un un balón de coiro que había que inflar co bombín dunha bicicleta de cada vez que adestrabamos ou desputabamos un partido, fose este de carácter amigable ou da Liga provincial que convocaba a delegación provincial de Deportes do Frente de Juventudes.
Entre os porteiros, verdadeiramente excepcionais, estaban Manolo Bande e Juanito Ventoso; e como xogadores de campo, Pepe Gude, Moncho Ventoso, Domingos “O Paxariño”, Manolo Cuesta, meu irmán Pepín, Carlos Barreiros, Picher, eu e outros compañeiros cuxo nome teño perdido máis non esquecida a súa participación.
Cada partido xogado no Malecón convocaba a un número nada despreciable de público. E carentes de medios, acudiamos á praia de Colomer ou, en caso de frío, ao cuarto de aseo da pulpeira “La Cuba”, propiedade dos pais dere Manolo Bande para nos dar un somero lavado.
Este foi o verdadeiro comezo do balonmán en Ribeira, hoxe en día con xogadores renomeados en distintos equipos, daquela inexistentes.
Cada quen no seu lugar.



