Retirado o buque “Awadi” tras estar inmobilizado no porto de Ribeira dende setembro de 2025. O BNG celébrao pero critica a demora.

22 Xullo 2026

Finalmente e tal e como e avanzou hai uns días a Xunta (Portos de Galicia, da Consellería do Mar) e o Concello de Ribeira, este mércores 22 de xullo procedeuse á retirada do buque Awadi do porto de Ribeira, que ficaba atracado a carón do peirao grande logo do grave incendio sufrido pola propia embarcación en verán do ano pasado, un lume cuxos labores integrais de extinción duraron practicamente catro días. Desde ese sinistro, o buque de 50 metros de eslora permaneceu amarrado no porto. Porén, case un ano despois, o Awadi foi retirado do porto.

A xestión e coordinación directa da retirada do buque correu a cargo da alcaldesa María Sampedro e o Goberno local de Ribeira, que actuaron en estreita colaboración e baixo a tutela de Portos de Galicia, o ente público autonómico que xestiona as instalacións portuarias.

A noticia súmase a unha intervención análoga sobre o camión que ardeu uns meses na explanada portuaria.

A noticia foi valorada xa positivamente por diversas agrupacións, como por exemplo o BNG, a través do ex alcalde Luís Pérez Barral, quen, como lembraremos, estaba á fronte do equipo de Goberno naquela altura de setembro de 2025.

O Bloque Nacionalista Galego valorou “positivamente” que Portos de Galiza actúe por fin para retirar do porto de Ribeira o barco Awadi, calcinado desde o pasado mes de setembro, así como do camión que permanecía abandonado no porto desde o incendio rexistrado no mes de maio. Porén, a formación nacionalista considera que estas actuacións “chegan tarde” e son consecuencia das reiteradas denuncias realizadas polo sector e polo propio BNG durante os últimos meses.

O exalcalde e portavoz, Luís Pérez Barral, dixo tamén que o BNG xa advertira “hai tempo” do “risco que supoñía manter ambas as dúas estruturas abandonadas no porto durante tanto tempo”.

“É unha boa nova que por fin se actúe, pero estas actuacións tiñan que terse realizado hai meses. O feito de que un barco calcinado permanecese desde setembro no porto ou que un camión queimado seguise ocupando espazo durante semanas demostra o desleixo co que Portos de Galiza está xestionando as instalacións portuarias”, afirmou Pérez Barral, engadindo que “a retirada destes elementos non pode servir para dar por resoltos os problemas dos peiraos de Ribeira”, xa que continúan existindo numerosas deficiencias que afectan á seguridade, á actividade pesqueira e á imaxe dun dos portos de descarga de peixe fresco máis importantes de Europa”.

Luís Pérez, a deputada Rosana Pérez e o responábel local Rafa Pazos

O portavoz nacionalista fixo mención ás iniciativas presentadas en abril polo BNG, tanto no Concello de Ribeira como no Parlamento Galego, reclamando un plan de investimentos e mantemento para os portos do municipio, advertindo “do deterioro das instalacións, da falta de limpeza, dos problemas de iluminación, das deficiencias nas ramplas, escaleiras e pavimentos, do mal estado das infraestruturas destinadas ao sector e da ausencia de medidas de seguridade, como o funcionamento das cámaras de vixilancia”. A este respecto indicou que “meses despois comprobamos que algunhas das demandas que formulabamos seguen sen resolver. Se Portos actuase con dilixencia, o Awadi e o camión non terían permanecido tanto tempo no porto. É evidente que o Partido Popular non responde coa rapidez nin coa responsabilidade que merece un sector estratéxico para a nosa economía”, asegurou Pérez Barral.

O BNG lembra que “a día de hoxe hai elementos perigosos sen reparar como as escaleiras esnaquizadas en Aguiño desde hai máis dun ano, a fenda cada vez maior na rampla de Castiñeiras ou un muro danado en Corrubedo tras os temporais que continúa sen ser reparado; no apartado de infraestruturas a nave das redeiras en Aguiño precisa unha nova cuberta, as chabolas de Castiñeiras teñen goteiras e a lonxa vella de Ribeira segue abandonada sen o uso comprometido para os redeiros; e en materia de seguridade, as cámaras levan anos sen funcionar mentres se suceden os roubos de combustíbel ou material de traballo do sector do mar”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.