“O fútbol, festa e negocio”. Luís Celeiro

26 Xullo 2026

O que fai unha pelota, un balón, uns xogadores de fútbol, un árbitro, a televisión e milleiros de
milleiros de espectadores. Pode ser un milagre que lles permite a moitos abrazar e aloumiñar a cara
invisible do Deus do triunfo, do triunfo económico e publicitario do Deus dos deuses. O mundo
estaba na súa metade parado e mirando como se desenvolvía. A outra metade tamén parada e
abraiada polas amarguras das derrotas. Moitos saben (sabemos) que os que perden, perdendo,
poden ser igualmente triunfadores.
O deporte é deporte e non debía ser máis nada. En todo caso, saúde e riqueza para os deportistas e
para a sociedade. O negocio é outra cousa, igual que a política, busca réditos, vendedores e
vendidos. Esaxera e, se é conveniente, mente igual que menten os cazadores, despois de pasar sete
ou oito horas agardando por unha lebre que se achega e escapa.
O campionato mundial de fútbol que é? Unha riqueza enorme para uns, un deporte para outros e
unha competición deportiva e política para os que queren ganar e ganan, xoguen ou non xoguen.
Unha parente de parentes emigrados en Arxentina resumía moi correctamente o que pasou:
Ganaron os que mellor xogaron, pero puideron gañar calquera deles, eran os mellores entre os
mellores. Arxentina e España bateron o cobre no campo de xogo.
E que? En que lles vai aos moradores da serra de Lugo, da chaira ou da Mariña, da Coruña, de Ferrol
ou de Carballo; a calquera de Pontevedra, de Chandrexa de Queixa, de Vigo do Real ou de
Redondela? En que lles vai que sexa a selección arxentina ou a española a gañadora do mundial?
Quen son os ganadores? Son eles, os de sempre, os que organizan a festa e o albaroque ou a
corrobra.
A metade do mundo vai cos ollos detrás dunha pelota e a pelota anda, a patadas, na procura da
portería. Cando entra, congratúlanse a metade dos miróns, a outra metade, tan numerosa como a
primeira, morre de noxo. Os mandatarios públicos, agora nestes tempos, non lembran do que se
falaba, daquela, cando moita xente consideraba que o fútbol era como o opio do pobo.
A Tía Manuela comparte a denuncia de Eduardo Galeano relativa ao fútbol como negocio, laiándose
desa viaxe que este deporte fixo “dende o pracer ao deber” e sabendo que é “música do corpo e
festa para os ollos”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.