O BNG urxe á Consellería do Mar a intensificar as medidas contra a expansión da alga asiática. A Xunta responde.

02 Xullo 2026

A portavoz de Pesca do BNG no Parlamento, Rosana Pérez, esixiu á Consellería de Mar que “de maneira urxente e decidida tome medidas para frear a expansión das especies invasoras na costa galega e, nomeadamente, da alga asiática, que segue a crecer malia que xa no 2024 foi detectada a súa presenza nas rías da Coruña e Vigo e tamén na boca da ría de Arousa”.

A portavoz de Pesca no BNG, Rosana Pérez

“A Consellería non está a prestar a debida atención a un problema que se pode converter unha catástrofe polas consecuencias que a alga asiática ten sobre outras especies e, polo tanto, tamén sobre o sector do mar”, advertiu a deputada nacionalista que, neste punto, subliñou que este mesmo mes de xuño a frota da ría de Arousa volveu amosar a súa preocupación, “o seu medo” á expansión da alga, denunciando que “xa están perdendo de traballar por ter os aparellos cheos desta especie”.

Dende o BNG din que a propia Asociación de Artes Menores (ANARME) anunciou que solicitaría unha reunión coa Xunta porque entenden, engadiu a deputada do BNG, “que nin chega á frota información nin protocolos para evitar a propagación”. Todo isto, engadiu, “co precedente do que ocorreu nas costas de Cádiz no 2025, onde chegaron a recoller case 80 toneladas diarias de alga asiática no verán pasado”.

“Os investigadores insisten en que o mellor remedio é a anticipación para tentar que non se reproduza aquí o que pasou noutras partes do Estado”, subliñou, para recriminarlle á Consellería non ter actuado de maneira decidida cando o problema comezaba a ser unha ameaza porque, precisou, “agora xa estamos ver, cada vez en máis puntos da costa, como sigue medrando”. De feito, expuxo, o pasado mes de xuño areais de Sanxenxo apareceron cheos de alga asiática.

É por iso que a deputada nacionalista urxiu á Consellería a intensificar a loita contra esta alga e preguntou, na Comisión de Pesca do Parlamento, se ten previsto, entre outras cuestións, algunha medida económica para paliar as perdas que xa lles está a causar á frota a alga asiática, ou se se está analizar se a súa propagación está a influír na perda de produtividade das rías, concretamente, na diminución “importantísima“ de bivalvos.

Resposta da Xunta

Pola súa banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, destacou na Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo do Parlamento “a rápida e ordenada actuación da Consellería do Mar ante a problemática da alga asiática (Rugulopteryx okamurae)” e puxo en valor “a actuación do Executivo autonómico e clarificou o marco xurídico vixente”, sinalando “que a declaración de especies exóticas e as estratexias xerais son competencia exclusiva da Administración Xeral do Estado, mentres que as tarefas de limpeza de praias corresponden legalmente ás entidades locais”. Subliñou que a Xunta “cumpre escrupulosamente coas súas atribucións protexendo os bancos marisqueiros e as capturas do sector cunha estratexia baseada no rigor científico”. Tamén explicou que, dende os primeiros avistamentos en xuño de 2024 nas costas da Coruña e Pontevedra, “a resposta galega foi inmediata a través de dúas liñas de traballo paralelas”.

“A primeira delas”, dixo, “materializouse na creación dun grupo de traballo interdepartamental que deu como froito o Plan de Xestión da Biomasa de Galicia, aprobado no pasado ano 2025, un plan estratéxico que funciona para coordinar de forma eficaz todas as fases da biomasa extraída polo sector —desde a súa recollida, transporte e almacenamento ata a súa disposición final— co obxectivo de garantir que estes residuos vexetais non volvan en ningún caso ao medio mariño, protocolizando as accións e avaliando os impactos socioeconómicos e ecolóxicos”.

A segunda liña de acción céntrase na investigación aplicada e o control biolóxico de avistamentos a través do proxecto Algasdet. Esta iniciativa xorde dun convenio bianual asinado coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) por un importe superior aos 203.000 euros no marco da rede Redemar e con financiamento do fondo europeo FEMPA. “O proxecto”, dixo, “conseguiu completar con éxito o obxectivo de determinar o mellor marcador molecular —o denominado rbcL— para detectar de xeito inequívoco a presenza da Rugulopteryx okamurae mediante ADN ambiental, o que permite diferenciala das especies autóctonas tanto no sedimento coma no intermareal, facilitando un mapa de distribución temperá e a formación dos inspectores e profesionais do mar do Cantábrico e Noroeste”.

Esta monitoraxe científica, engadiu, “compleméntase cunha ferramenta pioneira de ciencia cidadá como a Rede de Observadores do Medio Mariño de Galicia (Redogal), que centraliza as notificacións do sector pesqueiro para nutrir unha base de datos pública vinculada á Lista de Especies Mariñas de Galicia (LEMGAL)”.

Finalmente, a directora xeral debullou “o importante volume de fondos públicos que o Goberno galego puxo a disposición do sector marisqueiro para combater esta ameaza”. Explicou que “a Xunta conta con máis de 1,2 millóns de euros integrados no Plan Marlimpo para paliar as proliferacións recorrentes de algas nas zonas de produción, aos que se suman outros 1,9 millóns de euros destinados especificamente a controlar ou eliminar especies exóticas en hábitats costeiros de importancia reprodutiva”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Alugueres sociais” – José Manuel Pena

“Alugueres sociais” – José Manuel Pena

España conta cunhas 40.000 persoas sen fogar. Un millón e medio familias viven en infravivendas. Dentro da Unión Europea, só Bulgaria e Letonia presentan indicadores de desigualdade máis altos que España. Segundo datos estatísticos da AEAT e do INE, a metade da...

“Matemáticas y Filosofía” – José Castro López

“Matemáticas y Filosofía” – José Castro López

Las universidades gallegas presentaron las ofertas docentes intentando responder a las demandas de los estudiantes y del mercado laboral en este tiempo en el que los perfiles profesionales son cada vez más transversales. En ese contexto llama especialmente la atención...