Muros celebra a festividade do Carme rendendo homenaxe aos xubilados e xubiladas do mar

17 Xullo 2026

Este venres 17 de xullo celebrouse en Muros a tradicional homenaxe aos mariñeiros e mariñeiras que se xubilan, organizado pola Confraría de Pescadores, co patrocinio de Almacéns Castillo de Muros.

Nesta ocasión, as homenaxeadas foron as mulleres e homes xubilados do mar nados no ano 1947. Entre elas, sete mulleres mariscadoras.

Na mesa, de esquerda a dereita, o doutor Juan Gestal; a alcaldesa de Muros, María Lago; o patrón maior da Confraría de Muros, Daniel Formoso; a conselleira do Mar, Marta Villaverde, e Marcos Lijó, representante de Almacéns Castillo.

“Hai xa uns aniños que deixastes a vida activa, mais quen foi de mar, éo sempre”, asegurou a rexedora, María Lago, engadindo que “o descanso do mariñeiro, cheo de botes de sétima lista, liñas e polbeiras, cheo que empanada de arolas, arroz de berberechos e fideos con ameixas; un descanso que sabe a fogar, pero que nunca para”.

Ademais, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este venres 17 nos actos solemnes organizados en Muros con motivo das festividades na honra da Virxe do Carme. A titular autonómica asistiu ao mediodía ao acto relixioso na Igrexa Parroquial de Muros, unha emotiva cerimonia en memoria dos mariñeiros falecidos no mar, e posteriormente desprazouse ata o edificio da antiga Fábrica de Sel para presidir a XXXIII Homenaxe aos/as xubilados e xubiladas do mar de Muros.

Durante o encontro de recoñecemento, Villaverde enxalzou a fortaleza, dedicación e o legado incalculable dos profesionais que dedicaron a súa vida ao sector marítimo-pesqueiro galego. Ademais, subliñou que estas homenaxes serven para poñer en valor o esforzo de xeracións enteiras que situaron Galicia como referente pesqueira, e reafirmou o compromiso da Xunta para seguir apoiando e garantindo o futuro dun sector que constitúe o motor socioeconómico das comunidades costeiras.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.