Non hai cousa que mais lle fira a un profesor que ver un traballo dun alumno no que o contido do que escribe non responda ao que se enunciaba no título. Algo semellante pode acontecerlle a un xornalista que busca nas diversas partes dun artigo o que se enunciaba no título, e non o atopa.
Segundo se achega a solemnidade do Apóstolo Santiago, ímonos preparando a ela mediante a liturxia dos diversos días da Novena, unhas celebracións que se desenvolven coa Catedral chea de peregrinos, que participan escoitando con atención as lecturas que se proclaman, e acudindo a comulgar, para o que son ben necesarios, polo número de asistentes, dez curas que distribúan a Eucaristía a quen se achega a recibir a Xesús.
En presencia dos Arcebispos Mons. Francisco Xosé Prieto e do emérito Mons. Julián Barrio Barrio, que simplemente asisten ao acto litúrxico, repártense a presidencia tres sacerdotes que rexentan outras tantas parroquias dedicadas a Santiago: o de Padrón; o de O Burgo, de A Coruña; e un de Pontevedra.
Hoxe, mércores, puiden ver nun xornal un programa titulado “Apóstolo 2026”, da autoría do “Concello de Santiago”, tal como se fai constar debaixo do anagrama da Catedral. Fun buscando actos que tiveran que ver co “Apóstolo 2026”, e que xustificaran o título que se lle da, e… non atopei nada… Tan so me queda a esperanza de que o pregoeiro, un palestino digno de todo respecto, nos fale un pouco do Apóstolo Santiago…
O dia 25, solemnidade do Apóstolo, busquei nos actos sinalados a Ofrenda Nacional, que, no nome da Súa Maxestade o Rei fará o Presidente do Parlamento de Galicia, dentro da Misa solemne que presidirá o Arcebispo de Santiago. Sen embargo, os contidos dese día que é a festa do Apóstolo, non son outros que, pola mañá, “A comparsa de cabezudos”; e pola noite as “Xornadas de Folclore Galego” na praza de A Quintana, a Actuación de Tania Veiras e os Cumbiapop, na Alameda; e, para rematar o día do Apóstolo, diversas mostras de Videomapping na Praza do Obradoiro.
Fun vendo as demais actividades da festa do Apóstolo deste ano, e non atopei outras que as sinaladas como “concertos (algún deles dos ‘peregrinos musicais’), orquestras, cine, maxia de instrumentos antigos, electrofauna, Cantos de Taberna, o Espectáculo pirotécnico de Fin de Festa, e… uns días antes, o domingo que segue ao día do Apóstolo, baixo o epígrafe “TRADFEST”, o “Día do Traxe”, no que se describe en caracteres tamén ben grandes o “DESFILE DE TRAXES TRADICIONAIS”, e xa, en letra pequena, a Misa, que terá lugar á unha do mediodía na Igrexa de San Paio.
Desde logo vexo que, o día 26, grazas ao “Traxe galego”, hai algo un pouco emparentado coa expresión “Apóstolo 26”: esa Misa, que é un acto do que falaría o Apóstolo cando veu evanxelizar á xente destas latitudes, e algo que se realiza catro veces ao día, con motivo de asistir espiritualmente aos peregrinos e tamén aos residentes, no altar que está enriba da cripta onde se conservan os seus restos, xunto aos dos seus discípulos Atanasio e Teodoro.
Ao falar da manipulación do vocábulo “Apóstolo” nun programa de festas, aproveito para indicar que tamén hai, ademais da Novena, que remata o día 23, as Vésperas solemnes o día 24 e toda unha Celebración da Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago o día 25, xunto a outras cantas Misas, unha delas ollando cara a Archiconfraría, para acoller a novos membros. Neste día a Igrexa tamén organiza o que se deu en chamar “A Misa de Rosalía”, en Bonaval, á que seguirán as ofrendas de coroas de flores aos “Galegos Ilustres” alí sepultados: un acto que, desde moitos puntos de vista, tería suficiente entidade para sinalalo entre os principais das festas do “Apóstolo 26”.
Para rematar, por se os que elaboran un programa dese tipo, queren escoitar o que este articulista lles suxire, poden ser moito mais honestos o próximo ano, que é Ano Santo Compostelán, se lle poñen como título ao programa “Algunhas Festas Compostelás 2027”. Non incluirán nada que teña que ver coa fe cristiá; pero polo menos, non dirán que iso que ofrecen é o que ten que ver co “Apóstolo Santiago”.



