Este xoves inaugúrase a exposición ‘A Biblioteca América: un soño inaugurado en 1926’

21 Xullo 2026

Xunto coa mostra, esta semana haberá dous concertos da Orquestra e Coro da Universidade

A Universidade de Santiago de Compostela celebra este ano o centenario da Biblioteca América, unha das coleccións bibliográficas e documentais máis singulares de Europa sobre o continente americano, coa exposición ‘A Biblioteca América: un soño inaugurado en 1926’ que abrirá as súas portas o 23 de xullo nun acto no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.

O evento, previsto ás 12.00 horas, estará presidido pola reitora Rosa Crujeiras e nel intervirán ademais o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a comisaria da exposición, a profesora da USC Pilar Cagiao; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra.

Biblioteca América, unha das coleccións bibliográficas e documentais máis singulares de Europa sobre o continente americano

O acto contará coa interpretación musical da Orquestra e Coro da Universidade da peza ‘Huarina/Huayño’ de Julio Martínez Arteaga (Bolivia) e rematará con outra intervención conxunta a cargo do Programa Escolas Abertas 2026 da Secretaría Xeral de Emigración e da Orquestra e Coro da Universidade de ‘Libertango’, do arxentino Astor Piazzolla. A continuación terá lugar a visita guiada á exposición que contará coa intervención de Ricardo Busto Lage, neto fundador da Biblioteca América.

Un espazo único

A mostra, que permanecerá aberta en Fonseca ata o 31 de outubro, fai un percorrido pola historia, as persoas e os documentos que fixeron posible a Biblioteca América, un dos espazos bibliográficos máis singulares do patrimonio cultural galego.

Convídase así a un percorrido documental, fotográfico e visual polas súas orixes, evolución e protagonismo histórico desde 1926 ata a actualidade a través de materiais históricos, fondos documentais e testemuños gráficos que permiten comprender o papel da Biblioteca América como referente cultural e académico ao longo dun século.

Concertos

A Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela desenvolve entre o 20 e o 25 de xullo un proxecto educativo que, como ano tras ano, reúne membros da propia formación e estudantes de música con certo nivel académico e profesorado procedente de recoñecidas institucións musicais e formacións profesionais nun encontro orquestral e coral intensivo que inclúe ensaios, actividades formativas e concertos.

Nesta edición, o encontro conta cun marcado carácter patrimonial e cultural ao estar dedicado ao Centenario da Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela.

Deste xeito, o xoves 23 de xullo, ás 18.00 horas, será o primeiro dos concertos na Igrexa de San Francisco e o venres 24, ás mesma hora, na Igrexa da Nosa Señora da Mercede de Conxo.  A dirección musical estará a cargo de Mario Diz, no caso da Orquestra, e de Anna Melikhova, no caso do Coro.  Os concertos serán presentados por Nancy Pérez Rey, do Grupo de investigación da USC HistAmérica.

O repertorio, todo con partituras do fondo musical da Biblioteca América, inclúe as pezas Amor bendito: danza para canto y piano, de Juan Ríos Ovalle; Sonrisa de niño: comedia musical, de J. Daniel Zúñiga; La más linda de mi pago: zamba, de Antonio Santos La Salvia; La reina de mis amores: canción criolla para piano y canto, de Alberto S. Poggi; Huarina, huayño: para piano, de Julio Martínez Arteaga; El rancho abandonado: para piano, de Alberto Williams; Tres estrofas de amor: canción para soprano, de Pau Casals; e Danzón n.º 2, de Arturo Márquez.

A entrada aos dous concertos é libre ata completar a capacidade do espazo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.