Conta atrás para a XXII edición do Castelo Rock de Muros, que conta co apoio da Deputación e da Xunta

27 Xullo 2026

O Concello de Muros acolleu este 27 de xullo a presentación da XXII edición do Castelo Rock, un festival de música independente que conta co apoio da Deputación, que lle achega 24.500 euros de axuda dentro da súa liña de subvencións para festivais de música, e de AGADIC, que incluíu o certame muradán por primeira vez como beneficiario da convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para fomentar a contratación de música galega nos festivais profesionais (que mobiliza un total de 80.000 euros para apoiar 47 contratacións de bandas e artistas do país nas carteleiras de oito citas celebradas en Galicia).

Á presentación asistiu a deputada de Cultura, Natividade González e a de lingua, Sol Agra, e tamén participaron o presidente da ACRD Praia do Castelo, Santiago Romero; a alcaldesa do Concello de Muros, María Lago; a concelleira de Cultura, Caridad González; e o director da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil.

González destacou do festival, que se celebra os días 6, 7 e 8 de agosto que “para nós é un orgullo apoiar iniciativas como esta, que demostran que a cultura tamén é motor de desenvolvemento, de convivencia e de dinamización do territorio. O Castelo Rock é un exemplo do valor do asociacionismo, do compromiso colectivo e do talento musical”. Nese sentido, felicitou “á organización, ás persoas voluntarias e a todas as entidades que fan posible este proxecto ano tras ano”, e convidou á cidadanía a achegarse a Muros e desfrutar dun festival “que combina música, cultura e identidade”.

Pola súa banda, Jacobo Sutil sinalou que a incorporación do festival muradán a esta liña de axudas “permite reforzar a presenza da creación musical galega nunha programación que combina artistas locais, estatais e internacionais e que conta cunha traxectoria consolidada de máis de dúas décadas”. Neste senso, destacou tamén “o valor dun proxecto cultural nacido do asociacionismo e do traballo voluntario, capaz de integrar a música na vida da vila e de contribuír á dinamización cultural e económica da contorna”. Segundo explicou, o Goberno galego busca “apoiar tanto os profesionais da música como os festivais que lles ofrecen espazos de exhibición, favorecendo unha maior diversidade de propostas e a circulación dos artistas galegos polo territorio”.

Na presentación déronse a coñecer as principais novidades desta XXII edición, a programación completa e os aspectos organizativos dun festival que, dende hai máis de dúas décadas, continúa defendendo un modelo cultural diferente, baseado no asociacionismo, o voluntariado e a implicación da veciñanza. Cun aforo limitado a 700 persoas, o Castelo Rock mantén a súa aposta pola proximidade entre artistas e público e por unha experiencia integrada na vida da vila.

O cartel deste ano reúne artistas internacionais, estatais e galegos como Kid Kapichi, Big Special, Viva Belgrado, Parquesvr, Orquestra Bravú Xangai, XianPais, Law e Nadie González, ademais de concertos en aberto, sesións de DJ e outras actividades que se desenvolverán ao longo da fin de semana no centro histórico de Muros.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.