Carlos Callón, CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G reciben os XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua da Deputación

03 Xullo 2026

A Deputación fixo entrega esta tarde do XVII Premio Rosalía de Castro de Lingua, unha iniciativa que recoñece iniciativas, traballos e traxectorias comprometidas coa promoción e dignificación da lingua galega.

Carlos Callón, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), A Gramola Gominola e Vitamina G foron os premiados, que recolleron os galardóns da man da deputada de Lingua, Sol Agra, nun acto que contou tamén coa actuación musical de Sheila Patricia.

O xurado, composto polas persoas premiadas o ano anterior, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Álvaro López García e Irma Silva Hervella. e a técnica de normalización lingüística da Deputación Dores Sánchez, que actuou como secretaria, premiou ao filólogo Carlos Callón (Ribeira, 1978), na categoría A, para persoas; a CTNL, na categoría B, para entidades, e os proxectos A Gramola Gominola e Vitamina G, galardoados ex aequo na categoría C, a das iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade, que reciben un premio de 5.000€ nun certame ao que concorreron 31 candidaturas.

Agra salientou o traballo de todas as entidades premiadas e as súas propostas, afirmando que “é un orgullo premiar a quen nos premia cada día coa defensa activa da nosa lingua, e para isto naceron estes premios Rosalía”. E engadiu: “Parabéns por ser parte, por ser orgullo, por non rendervos ás estatísticas, nin ao pesimismo, por pertencer aos miles de persoas que son conscientes da importancia que ten actuar cando todo se pon en pon en contra, cando nin as leis axudan a favorecer o uso do galego con normalidade na Galiza”.

A deputada puxo en valor, ademais, o traballo que leva a cabo a área de lingua da Deputación, “porque para conseguir a normalización lingüística facemos falta todas e todos, individual e colectivamente, pero sobre todo institucións con vontade política e orzamentos”. Neste sentido, sinalou que “esta institución mobiliza partidas millonarias para apoiar as iniciativas locais. Desde a Área de Lingua destinamos máis de medio millón de euros aos concellos para financiar ao persoal técnico da provincia da Coruña; e a institución con maior orzamento do país, a Xunta, destina 350 mil para toda Galiza”.

Carlos Callón

Como dixemos, na categoría de persoa que máis destaca na promoción da lingua galega, o premio recaeu en Carlos Callón (Ribeira 1978). O xurado valorou especialmente o seu labor como “activista referencial en defensa dos dereitos lingüísticos”, así como “a dimensión do seu traballo no ámbito do libro galego e da divulgación arredor da lingua”.

Tamén salientou que varias das súas publicacións se converteron “en importantes ferramentas para promover o debate a favor da normalización do idioma galego, así como para mellorar a escrita e a fala da nosa lingua”.

Carlos Callón valorou recentemente a obtención do dito premio: “Quero agradecer, desde o fondo do meu corazón, o recoñecemento do premio Rosalía de Castro de Lingua 2026, que sinto tamén como un xesto de agarimo para todas as persoas que fan parte da defensa e impulso do noso idioma natural. Dentro desta cadea colectiva de que son parte, desexo salientar de maneira especial o traballo incansábel realizado desde A Mesa pola Normalización Lingüística, así como a acollida de Xerais para publicar os meus libros sobre o tema: En castellano no hay problema (2010), Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (2011), Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez (2012), Galegocalantes e galegofalantes (2017) e O libro negro da lingua galega (2022). Este galardón emocióname mais tamén me compromete, fornéceme de nova enerxía para continuar coa escrita e coas conferencias que, decote, me teñen na estrada para partillar conversas sobre a situación da nosa lingua e as estratexias precisas de futuro”.

E engadiu: “Habitamos un tempo decisivo para esta tarefa colectiva que é o galego. Hai encrucilladas históricas que non avisan dúas veces, e a segunda metade desta década vai ser crucial para o futuro desta fala milenaria. É momento de pasarmos a unha nova fase de revitalización e igualdade de dereitos, porque o que se faga hoxe marcaranos por moito tempo. Un dos mellores xeitos de honrar Rosalía, a autora que lle dá nome ao galardón, é ter ambición de futuro para o galego”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.