Xornada marcada polo asentamento do dominio anticiclónico e pola chegada do clásico vento do nordés, unha combinación que deixará unha paisaxe meteorolóxica a dúas velocidades segundo a zona da Comunidade.
O día comeza cun ambiente gris e húmido. Durante as primeiras horas da mañá, as néboas e as nubes baixas cobren practicamente todo o mapa galego. No litoral das Rías Baixas tampouco se descarta a presenza de brétemas costeiras a primeira hora, mentres que no terzo norte o ceo estará o suficientemente pechado como para deixar caer algún orballo ocasional.
Co paso das horas e o avance da xornada, a atmosfera irá cambiando de aspecto. No centro e no sur de Galicia a capa de nubes irá abrindo paso a ceos moito máis despexados e luminosos. Pola contra, a metade norte manterase baixo un manto nubrado máis persistente durante boa parte do día.
En canto aos termómetros, a mañá preséntase suave, con temperaturas mínimas sen cambios relevantes ou incluso cun lixeiro repunte. Sen embargo, a tarde notarase máis fresca do habitual no interior e no norte, onde as máximas sufren un descenso entre lixeiro e moderado.(máximas de 27 a 28 graos).
O vento, pola súa banda, arranca a mañá soprando de compoñente norte-nordés de xeito frouxo, aínda que gañará intensidade pola tarde, deixando refachos moderados na liña costeira.

O Noso mar: Vento do nordés á mañá e do norte á tarde e á noite, forza 1 a 2 á mañá, 3 a 4 á tarde e 2 a 4 á noite. Mar rizado á mañá e marusía á tarde e á noite. Visibilidade mala á mañá e á noite e regular á tarde. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 0 a 1 metros á mañá e 0 a 0.5 metros á tarde e á noite.



