A esencia e o talento feminino de Jontxu Argibay enchen o Centro Cultural Lustres Rivas

30 Xullo 2026

O espazo ribeirense acolle a mostra ‘Mulleres’, unha homenaxe pictórica e escultórica que reúne 37 pezas do creador local no marco das festas de verán.

A arte volve ser a gran protagonista da axenda cultural de Ribeira, e faino nesta ocasión poñendo o foco no universo feminino. O Centro Cultural Lustres Rivas inaugurou na tarde do xoves 30 a exposición Mulleres, unha coidada mostra do artista local Jontxu Argibay na que a pintura e a escultura conviven en harmonía para render tributo á figura da muller desde a admiración, o respecto e a beleza.

A exposición, organizada ao abeiro da programación da Festa da Cultura e dos festexos do verán ribeirense, combina 18 obras pictóricas (11 acuarelas e 7 óleos) e 19 esculturas (13 tallas de aglomerado, 4 de talla directa, 1 mixta e 1 cerámica). Nas súas lenzos, Argibay retrata a destacadas actrices, poetas e intérpretes do panorama actual e cultural como Aida Tarrío, Cristina Castaño, Susana Sampedro, Rosalía Vila, Valeria Castro, Zendaya, Candela Peña ou Esperanza Mara, quen ademais puxo a nota musical ao acto de apertura. Pola súa banda, o conxunto escultórico profunda en conceptos máis íntimos como os perfís femininos e a maternidade.

Ao acto inaugural asistiron a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro; a concelleira de Cultura, Ana Barreiro; o propio artista, Jontxu Argibay; e Goretti Bello, amiga do creador. Durante a súa intervención, a rexedora subliñou a relevancia de dar visibilidade e espazo aos creadores do municipio, facendo coincidir a apertura de eventos deste nivel coas datas máis sinaladas da cidade.

Sampedro puxo ademais en valor a ampla traxectoria de Argibay e lembrou que o seu legado artístico transcende as paredes do centro cultural: “O talento deste ribeirense non está hoxe só dentro destas paredes, pois a súa obra tamén forma parte da identidade cultural do municipio a través de diferentes pezas escultóricas integradas na paisaxe urbana”. Entre elas, a alcaldesa fixo especial mención ao Polbeiro de Castiñeiras (sinal de identidade da súa parroquia natal), a Segadora de Olveira (que homenaxea o duro traballo da muller do campo) ou a figura do mestre Manuel Ayaso na praza do Concello, quen foi unha clara influencia nas creacións do autor.

Horarios de visita

A mostra Mulleres permanecerá aberta ao público no Centro Cultural Lustres Rivas ata o vindeiro 5 de setembro.

Os interesados en habelle un ollo á exposición poderán facelo nos seguintes horarios:

  • De luns a venres: de 10.00 a 14.00 horas.
  • Sábados: de 12.00 a 14.00 horas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.