A Deputación inviste 24.000 euros na renovación do local da Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal

16 Xullo 2026

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Traballadores Autónomos da Pobra do Caramiñal, Miguel Ángel Pinel, asinaron este xoves 16 de xullo, na sede da institución provincial, un convenio de colaboración destinado a apoiar a dinamización económica e a mellora de servizos para o tecido comercial e empresarial do municipio.

Mediante este acordo, ambas entidades suman esforzos para acometer o proxecto de mellora e renovación do equipamento do local da asociación empresarial, un espazo que require dunha renovación urxente debido ao desgaste do seu mobiliario e a carencias de índole tecnolóxica e estrutural.

Segundo informou o presidente provincial, o investimento total previsto para a execución deste proxecto ascende a un máximo de 30.000 euros, un orzamento co que se pretende adecuar de forma integral a sede social da agrupación para convertela nun centro polivalente.

Para facer realidade o devandito, a Deputación asume unha achega máxima de 24.000 euros, o que supón o 80% do financiamento global do proxecto a través dunha subvención nominativa consignada no Plan de Emprego Local (PEL). A Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal achegará pola súa banda o 20% restante, equivalente a 6.000 euros.

O acordo chega despois da visita realizada hai uns meses polo presidente provincial, xunto co alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, á sede da asociación empresarial na que Formoso se comprometeu coa directiva a que a Deputación colaboraría nas melloras necesarias para adaptar o local ás necesidades actuais da entidade

O groso da partida, valorado en 15.000 euros, destinarase á obra da sala de reunións do local, que comprende a retirada das actuais butacas ancoradas, a adaptación de espazos para usos múltiples, traballos de pintura e a posta a punto dunha instalación eléctrica adaptada. Esta adecuación completarase co pintado xeral de todas as zonas comúns e a substitución das vellas butacas por corenta novas cadeiras móbiles con pala de escritura, co fin de garantir a máxima flexibilidade e accesibilidade nas actividades formativas.

Doutra banda, o local dotarase dunha infraestrutura informática moderna mediante a adquisición de tres ordenadores de sobremesa completos, un equipo de proxección de alta definición con pantalla retráctil para o desenvolvemento de seminarios ou relatorios colectivos, novos postos de traballo equipados con mesas e arquivadores para a xestión documental segura e unha fotocopiadora multifunción.

O presidente da Deputación destacou que este convenio “permitirá modernizar as instalacións da asociación e convertelas nun espazo máis útil para a formación, o asesoramento e o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais”. Valentín González Formoso salientou tamén “o importante papel que desempeñan as asociacións empresariais na dinamización económica dos municipios e no apoio diario ao comercio local, ás pequenas empresas e aos autónomos”.

Formoso enmarcou esta actuación no compromiso da Deputación co tecido produtivo da provincia a través do Plan de Emprego Local: “O PEL é unha ferramenta consolidada que nos permite apoiar directamente a creación de emprego, o emprendemento e a mellora da competitividade das empresas. Neste caso, contribuímos a que os empresarios e comerciantes da Pobra conten cunhas instalacións modernas e adaptadas ás súas necesidades”, afirmou.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.