A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este xoves 16 de xullo pola mañá nos actos solemnes organizados na honra da Virxe do Carme na parroquia de Aguiño, en Ribeira.

A responsábel autonómica, que estivo acompañada pola alcaldesa do municipio, María Sampedro, e dos patróns maiores de Ribeira e Aguiño, José Antonio Pérez Sieira e José Antonio Santamaría Sampedro (respectivamente), asistiu aos actos relixiosos na Igrexa da Nosa Señora do Carme e, posteriormente, sumouse á procesión marítima. Unhas celebracións que amosan o arraigo da cultura mariñeira por todo o litoral galego.

Durante a xornada, a titular de Mar destacou o carácter estratéxico dun sector que é motor económico de Galicia e manifestou o seu recoñecemento a todo o colectivo marítimo-pesqueiro polo seu labor que sitúan á comunidade como referente internacional. Villaverde subliñou que o mellor xeito de honrar ás xentes do mar é “seguir traballando dende as administracións para garantir a súa viabilidade e o seu futuro”, un obxectivo prioritario no que a Xunta está plenamente implicada.




