O turoperador veneciano Cammini Atlantici visita o Camiño da Ría de Muros Noia

16 Xuño 2026

A declaración como Itinerario Cultural Europeo da Vía Querinissima, percorrido inspirado na viaxe de Pietro Querini e do que forma parte o Camiño de Santiago pola Ría de Muros Noia, comeza a dar os seus froitos. Cando aínda non se cumpriu un mes desde o anuncio realizado polo Consello de Europa, un dos máis prestixiosos turoperadores venecianos visitou estes días o Camiño da Ría de Muros Noia e a Volta de Gloria, itinerario circular que pon en contacto dous Camiños xacobeos: Fisterra-Muxía e o da Ría de Muros Noia.

“A conexión do Camiño de Santiago pola Ría de Muros Noia coa epopeia do navegante veneciano Pietro Querini sitúa a esta ruta xacobea nunha primeira liña internacional grazas ao respaldo do Consello de Europa. A visita de Cammini Atlantici é un importante exemplo diso”, apunta Luís Oujo, presidente da Asociación de Concellos do Camiño de Santiago pola Ría de Muros Noia e da Ría da Estrela.

Flavio Prospero, representante do turoperador Cammini Atlantici, percorreu tanto o Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia como a Volta de Gloria para coñecer sobre o terreo os servizos e posibles itinerarios que pode ofrecer aos seus clientes italianos, moi atraídos por todo o relacionado coa viaxe de Pietro Querini e o seu descubrimento do bacallau seco noruegués, que acabaría tendo un enorme impacto no comercio europeo do século XV.

Durante a súa estadía en Galicia, Flavio Prospero estivo acompañado por persoal da Asociación, así como por estreitos colaboradores da entidade como Montse Paris, da Asociación Muros Auga e Sal, e Antón Pombo, autor da guía do Camiño da Ría de Muros Noia. Foron uns días nos que o turoperador veneciano estivo estudando a fondo o terreo, coñecendo as infraestruturas dispoñíbeis e avaliando os servizos que pode ofertar aos seus clientes dunha forma profesional e completamente testada. Isto é así porque un dos piares deste turoperador é que so ofrecen rutas que percorreran e aloxamentos que probaran persoalmente.

Ademais, Prospero tamén percorreu algunhas das paraxes naturais máis atractivas de Galicia na Volta de Gloria, itinerario circular que conecta o Camiño de Fisterra-Muxía co da Ría de Muros Noia. Volta de Gloria preséntase como unha interesante opción para quen desexen alongar a súa visita a Galicia.

Cammini Atlantici

Cammini Atlantici é un turoperador veneciano especializado en rutas de varios días e que está centrado especialmente no Camiño de Santiago, onde ofrece varias rutas personalizadas desde Portugal sen as limitacións de datas de saída de grupos e sen preocuparse pola organización, cun presuposto personalizado para cada experiencia. Para iso encárganse ao completo da organización dos itinerarios e aportan sempre a presenza dun experto coordinador.

O obxectivo, segundo o propio operador, é que o cliente “viva a súa experiencia do Camiño de Santiago de forma tranquila e relaxada, sen ter que preocuparse pola organización e podendo contar sempre co noso apoio, sen renunciar a unha boa doses de aventura. Dado que cremos firmemente na calidade do noso servizo, so ofrecemos rutas probadas, ao largo das cales podemos guiar ao cliente de forma segura e profesional”.

Unha proposta de descubrir o camiño de forma tranquila e relaxada que coincide coa filosofía que inspira tanto ao Camiño da Ría de Muros Noia como á Volta de Gloria. A iso engádese a Vía Querinissima, que sigue o itinerario da viaxe de Pietro Querini en 1431, unha das primeiras peregrinacións documentadas polo Camiño da Ría de Muros Noia e cuxa ruta marítima e terrestre atravesa Creta, as costas de España e Portugal, e despois esténdese por Noruega, Suecia, Inglaterra, Alemaña, Suíza e Austria ata chegar a Venecia.

A Vía Querinissima inspírase nos fondos valores que xurdiron da viaxe de Pietro Querini: o diálogo cultural, o intercambio, a hospitalidade, a memoria compartida, a solidariedade e a cooperación entre os pobos. A ruta baséase na viaxe emprendida por Querini de Creta a Flandes e que acabou converténdose nunha das odiseas marítimas máis emblemáticas do século XV, pasando por Cádiz, Canarias, Lisboa e Muros. Tras múltiples desventuras, como avarías, desvíos forzosos e tormentas, acabaría finalmente nas illas Lofoten, onde descubriría o bacallau seco, que remataría tendo un enorme impacto no comercio europeo da época.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.