O lume, que xa afecta unhas 250 hectáreas, reactivou un dos seus flancos e avanzou cara ao concello de Teo. Tras unha reactivación dun flanco, o lume afecta unhas 250 ha, segundo as últimas estimacións A Consellería do Medio Rural informa de que se declarou a Situación 2, como medida preventiva, pola proximidade do incendio forestal de Padrón, parroquia de Herbón, aos núcleos de poboación de Cruxeiras de Abaixo e Sobrerribas.
Este lume iniciouse ás 16.01 horas de onte venres e trala reactivación, esta tarde, dun dos seus flancos, afecta arredor de 180 hectáreas de superficie, segundo as últimas estimacións provisionais. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 4 técnicos, 36 axentes, 47 brigadas, 33 motobombas, 3 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 7 avións.
O incendio forestal declarado na tarde do venres en Padrón obrigou á Consellería do Medio Rural a activar a Situación 2 como medida de emerxencia preventiva debido á proximidade das lapas a núcleos habitados da parroquia de Carcacía. O lume ameaza especialmente as zonas de Sobrerribas e Cruxeiras de Abaixo, onde foi necesario desaloxar un total de dez vivendas.

Segundo explicou o alcalde de Padrón, Anxo Rei Arca, o incendio superou os límites do municipio e xa se estendeu ao concello de Teo, avanzando na dirección de Vilar do Bispo. Ademais, un dos flancos do lume reactivouse durante a xornada deste sábado, complicando os labores de extinción.
As últimas estimacións da Consellería do Medio Rural cifran en arredor de 250 hectáreas a superficie afectada. Aínda que durante a mañá se agardaba unha posible estabilización do incendio, as elevadas temperaturas e o vento dificultaron o control das lapas.
“O máximo risco está en Cruxeiras de Abaixo”, sinalou o rexedor, quen destacou que os equipos de extinción traballan intensamente para evitar que o lume alcance as vivendas. Ata o momento non se rexistraron danos en casas nin outras propiedades privadas.
Mentres se habilita o Posto de Mando Avanzado, os efectivos despregados no terreo centran os seus esforzos en conter o avance do incendio e dirixilo cara a zonas menos sensibles para minimizar os danos.
O incendio tamén provocou incidencias na rede eléctrica. Segundo informou Naturgy, uns 180 clientes continúan afectados por cortes de subministración realizados de forma preventiva para facilitar as tarefas de extinción. Ademais, prevese unha nova interrupción do servizo que afectará a preto de 200 fogares para permitir evacuacións nos núcleos de Cruxeiras de Arriba e Cruxeiras de Abaixo.
As consecuencias do lume obrigaron igualmente ao corte de dúas vías de comunicación: a estrada que conecta Carcacía con Padrón e a que une Vilar do Bispo con Lampai.
No operativo participan numerosos medios terrestres e aéreos. Ata o momento, a Consellería do Medio Rural mobilizou catro técnicos, 36 axentes, 47 brigadas, 33 motobombas, tres pas, sete unidades técnicas de apoio, oito helicópteros e sete avións. Pola súa banda, o Ministerio para a Transición Ecolóxica colabora con dous avións anfibios e un helicóptero que operan de forma coordinada co dispositivo autonómico.
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco Gutiérrez, desprazouse tamén ata a zona para seguir de preto a evolución do incendio e supervisar os traballos dos equipos de extinción.



